Costas saca a contratación o estudo de impacto ambiental en Valdoviño para a rexeneración da zona da piscifactoría

A licitación, cun orzamento de 114.414,31 euros, é o primeiro paso en firme para a recuperación ambiental deste espazo.

A Dirección General de la Costa y el Mar vén de sacar a contratación a redacción do proxecto e do estudo de impacto ambiental para a rexeneración ambiental da contorna da praia de Mourillá en Valdoviño ocupada hoxe en día polos restos vandalizados da antiga piscifactoría.

A licitación dos traballos, cun orzamento de 114.414,31 euros e prazo de execución de 8 meses, pode consultarse na plataforma de contratación do sector público, e as empresas interesadas no procedemento poden presentar as súas ofertas ata o 20 de xaneiro.

O contrato supón o primeiro paso en firme para a recuperación deste espazo, que entraba nunha fase de degradación a finais de 2019, cando a empresa entraba en concurso de acreedores e abandonaba as instalacións aínda cunha autorización de explotación vixente concedida pola Xunta ata 2027 que, finalmente, en maio de 2025 a Administración autonómica declaraba extinta.

Nese mesmo momento, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, xunto ao xefe provincial de Costas na Coruña, Carlos Gil, reuníase co alcalde de Valdoviño, Alberto González, para buscar solucións e abrir vías de negociación a favor da recuperación da contorna, nun contexto non exento de dificultades a causa das dúbidas sobre a propiedade e coa vista posta en que este aspecto se resolva en breve.

O contrato que sae agora a licitación permitirá avanzar nese obxectivo. Contempla a redacción dunha versión inicial completa do proxecto de recuperación coa definición, características, principais alternativas que se consideran e un análise de potenciais impactos, ademais do diagnóstico territorial e do medio ambiente, que deberá entregarse co estudo de impacto ambiental.

Así mesmo, inclúe as modificacións que sexa necesario realizar no proxecto ou no estudo unha vez se conte coa Declaración de Impacto Ambiental.

Entre as tarefas a desenvolver, o contrato contempla:

Estudos previos

• Recopilación e análise da información existente.
• Estudo topográfico.
• Inspección das tuberías de toma e verquido.
• Inventario ambiental e descrición dos procesos e interaccións ecolóxicas e ambientais clave.
• Análise estrutural das edificacións existentes.
• Estudo de Patrimonio Cultural.
• Estudo dos materiais a xestionar durante as obras.
• Estudo xeolóxico-xeotécnico.

Redacción do proxecto inicial e do estudo de impacto ambiental

• Proposta e valoración de alternativas.
• Cálculos estruturais e dimensionamento.
• Anexo de expropiacións e ocupacións temporais.
• Redacción completa do Proxecto Constructivo.
• Estudo de integración paisaxística e afección á Rede Natura 2000.
• Estudo da vulnerabilidade ante riscos de accidente grave ou catástrofe.
• Redacción completa do Estudo de Impacto Ambiental.

Redacción de proxecto definitivo para aprobación

• Informes sobre información pública e evaliación ambiental.
• Modificacións do proxecto e o estudo de impacto ambiental para a súa adaptación tras as fases de información pública e declaración de impacto ambiental.

Lea también

A programación de Nadal das Pontes reúne a centros de persoas e logra tres cheos absolutos

O Concello de As Pontes fai un balance moi positivo da programación especial de Nadal …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *