O BOP publica as bases de sete premios culturais da Deputación cunha dotación total de 95.000€

Sete convocatorias abertas para impulsar a creación artística en artesanía, cinema, banda deseñada e literatura. Súmanse a outras tres, publicadas a comezos de decembro, dedicadas ao deseño, á creación fotográfica e á arte gráfica.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica as bases de sete premios culturais convocados pola Deputación da Coruña para o ano 2026, que abranguen ámbitos como a artesanía, o cinema, a banda deseñada e a creación literaria en galego e en castelán. Todas as convocatorias abrirán o prazo de presentación o 10 de febreiro e pecharano o 10 de abril.

Entre os certames figura o 16.º Premio Antonio Fraguas de artesanía, dirixido a persoas artesás e colectivos maiores de idade nacidos ou residentes en Galicia. O premio establece dúas modalidades, artesanía tradicional e artesanía contemporánea, cunha dotación de 6.500 euros para cada unha delas.

Na mesma edición do BOP publícanse as bases do 2.º Premio José Gil de cinema en galego, destinado a impulsar a creación audiovisual en lingua galega e a recoñecer traxectorias ou iniciativas vencelladas ao sector. O certame inclúe tres modalidades, guión de longametraxe de ficción, guión de longametraxe documental e traxectoria ou iniciativa de especial relevancia no ámbito do cinema en versión orixinal galega, cun premio de 6.500 euros en cada unha delas.

O ámbito da banda deseñada está representado pola 21ª edición do Premio Castelao de banda deseñada, dirixido a persoas autoras maiores de idade que presenten obras inéditas en lingua galega. O certame establece dúas modalidades, xeral e infantil e xuvenil, cunha dotación total de 13.000 euros, distribuídos en dous premios de 6.500 euros.

A Deputación convoca tamén a 23ª edición do Premio Miguel González Garcés de poesía, de carácter bienal, destinado a recoñecer a creación poética en lingua galega. O certame establece un premio único dotado con 6.500 euros para obras inéditas non premiadas con anterioridade.

No ámbito da literatura infantil e xuvenil publícanse as bases da 20ª do Premio Raíña Lupa, que busca fomentar a creación literaria en galego para o público máis novo. O premio conta con dúas modalidades, infantil e xuvenil, cunha dotación total de 13.000 euros, repartidos en dous premios de 6.500 euros.

Finalmente, o BOP publica as bases das dúas convocatorias correspondentes á 38ª edición do Premio Torrente Ballester de narrativa, tanto en lingua castelá como en lingua galega, dirixidas a persoas autoras maiores de idade con obras inéditas e non premiadas con anterioridade. Ambos certames comparten carácter internacional e obxectivos de promoción da creación literaria e contan con cadanseu premio de 15.000 euros para as obras premiadas en cada idioma.

Xa publicadas as bases dos premios Seoane, Núñez e Ksado

A comezos deste mes de decembro xa viran a luz no BOP as convocatorias e bases doutros tres certames culturais. Trátase do Premio Luis Seoane de deseño, dotado con 6.500 euros; do Premio Internacional Luís Ksado de creación fotográfica, cun premio único de 6.500 euros; e do Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, cun primeiro premio de 6.500 euros.

Ligazón ás bases completas no BOP

Bases e convocatoria da 16ª Edición do Premio Antonio Fraguas Fraguas de artesanía do ano 2026

(https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/12/24/2025_0000008506.html)

Bases e convocatoria da 2ª Edición do premio “Jose Gil” de cinema galego do ano 2026

(https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/12/24/2025_0000008563.html)

Bases e convocatoria da 21ª edición do Premio “Castelao” de banda deseñada do ano 2026

(https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/12/24/2025_0000008605.html)

 Bases e convocatoria da 23ª Edición do Premio “Miguel González Garcés” de poesía do ano 2026

(https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/12/24/2025_0000008606.html)

Bases e convocatoria da 20ª edición do Premio “Raíña Lupa” de literatura infantil e xuvenil do ano 2026

(https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/12/24/2025_0000008607.html)

Bases e convocatoria da 38ª Edición do Premio Internacional “Torrente Ballester” de narrativa en lingua castelá do ano 2026

(https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/12/24/2025_0000008608.html)

Bases e convocatoria da 38ª edición do Premio “Torrente Ballester” de narrativa en lingua galega do ano 2026

(https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/12/24/2025_0000008609.html)

Lea también

O Premio Paraugas de Ouro, do Clúster da Comunicación de Galicia, recae en ‘Menos Smart’ de Recados Carmen para Fnac

El teatro Jofre en Ferrol ha acogido la XI edición de los ‘Premios Paraugas’ que …