O XI Trofeo Cidade de Narón enfronta a dous grandes rivais do fútbol sala comarcal

O fútbol sala será protagonista en Narón o próximo martes 30 de decembro coa celebración do XI Trofeo Cidade de Narón, unha cita xa clásica no calendario deportivo local que volverá encher de ambiente o pavillón da Gándara a partir das 21:00 horas.
 
 
Sobre a pista estarán o Cidade de Narón e O Esteo F. S. das Pontes, dous equipos con ampla traxectoria e unha rivalidade que garante intensidade e espectáculo.
 
A presentación oficial do trofeo contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e do secretario do club Cidade de Narón, Roberto Ortega, que destacaron o valor deportivo e social deste tipo de eventos, especialmente nunha data sinalada como o Nadal. A competición está organizada polo Padroado de Deportes do Concello de Narón e conta co apoio da Real Federación Galega de Fútbol, reforzando así o o compromiso co impulso do fútbol sala na comarca.
 
 
O Cidade de Narón chega a esta cita como un dos clubs históricos da disciplina en Galicia, cun pasado recente ligado ás categorías estatais e cun papel destacado durante varias tempadas na Segunda División B, incluíndo fases de ascenso. Pola súa banda, O Esteo F. S., referente do fútbol sala nas Pontes, consolidouse nos últimos anos como un rival sólido e competitivo, protagonista habitual dos derbis comarcais e das principais competicións autonómicas.
 
Os enfrontamentos entre ambos os dous equipos sempre se caracterizaron pola igualdade e pola intensidade, converténdose nun atractivo tanto para a afección local como para os seguidores do fútbol sala da contorna de Ferrolterra. Desde a organización animan o público a achegarse ao pavillón da Gándara para gozar dun encontro atractivo, cun ambiente festivo e coa emoción dun derbi que servirá para pechar o ano ao máis alto nivel deportivo.

Lea también

Primeros avances en la Cidade do Deporte en FIMO tras el primer mes de obras

Una vez se apagaron las luces navideñas, entraban en los pabellones de FIMO las máquinas …