O acto institucional terá lugar o 7 de xaneiro, festividade de San Xiao, no teatro Jofre.
O pleno da corporación de Ferrol aprobou por unanimidade o outorgamento das distincións de Ferrolá do ano 2025 á catedrática de Historia, Esperanza Piñeiro de San Miguel, en recoñecemento á súa destacada traxectoria investigadora e ao seu firme compromiso coa conservación e divulgación da historia de Ferrol e da súa comarca.
Especialista en estudos históricos da cidade e da comarca, Esperanza Piñeiro foi unha peza clave na creación do Museo de Ferrol e tamén mantén unha activa participación no Foro cidadán polo ferrocarril. A directora da revista Ferrol Análisis é autora de numerosas publicacións dedicadas a persoeiros ilustres e a cuestións sociais e históricas fundamentais para comprender a evolución da cidade, converténdose nunha referencia intelectual e académica imprescindible da memoria ferrolá.
As insignias de ouro de San Xiao distinguen a persoas e colectivos que contribuíron de maneira decisiva ao desenvolvemento social, cultural, académico e económico de Ferrol. A título póstumo será entregada a Manuel Luaces, enxeñeiro de Astano durante dúas décadas e destacado impulsor do campus industrial de Ferrol. Profesor titular de Enxeñaría Técnica e Director do departamento de Enxeñaría Industrial da UDC, Luaces destacou polo seu impulso á colaboración entre a universidade e o tecido empresarial, así como polo seu compromiso co deporte local.
O pintor Andrés Gabarres contará tamén coa insignia de ouro. Este destacado artista foi finalista do 60º Premio Reina Sofía de Pintura e Escultura. É o autor do cadro de Fernando Miramontes que figura no salón de plenos do Concello de Ferrol.
Tamén serán recoñecidos os fundadores do emblemático restaurante O Parrulo, Celestina Martínez e José Martínez, decanos da restauración ferrolá. En 1968 abriron o que primeiro foi un bar, na estrada de Catabois, e que se converteu nun referente nacional da cociña tradicional ferrolá e galega, avalado por numerosos premios e recoñecementos polo seu labor na preservación do patrimonio gastronómico.
A doutora en Historia Anabel Bello Platas recibirá igualmente a insignia de ouro polo seu rigoroso traballo investigador sobre Ferrol e a súa contorna. Esta investigadora é autora de numerosas publicacións sobre a historia de Ferrol e comarca, entre elas, destacan A capela de Serantes, A fabricación de fusís na ría de Ferrol, A ceca: a derradeira fábrica de moeda de Galicia…A súa obra é un piar para a preservación da nosa memoria colectiva. Foi, ademais, pregoneira da Feira do libro de Ferrol este ano.
Completa a relación de persoas distinguidas a ferrolá Teresa Valcarce Gracini, afincada en Washington DC. Recibirá a insignia de ouro pola súa labor como promotora cultural e histórica entre España e Estados Unidos. Consultora e conferenciante, foi condecorada co Encomenda da Orde do Mérito Civil polo Rey de España por conseguir que un retrato de Bernardo de Gálvez, militar español clave na independencia estadounidense, fora exposto no Senado dos Estados Unidos, unha reivindicación histórica con máis de 200 anos de antigüidade.
Os galardóns serán entregados o día 7 de xaneiro, con motivo da festividade de San Xiao, nun acto que se celebrará no teatro Jofre.
OUTROS ASUNTOS
Ademais, aprobouse a participación no plan provincial de Cooperación Pos+Adicional 2026 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios (reforzo-ampliación persoal técnico ou administrativo). A previsión de gasto é de 67.380 euros, dos que a Deputación aportará 64.877,84 e o Concello a cantidade restante de 2.502,26 euros.
Así mesmo, aprobouse a modificación de tarifas de taxi, de aplicación urbana, para o 2026. Así a tarifa diurna (días laborables de 6.00 a 22.00 horas) a baixada de bandeira sube 20 céntimos. E nos vehículos de máis de cinco prazas cobrarase un suplemento de 2,40 euros, que soamente aplicarase cando os clientes ocupen máis de catro prazas, excepto cadeiras de discapacitados, cadeiras de nenos, muletas e cans lazarillos.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
