A praza de Galicia converterase este luns 22 de decembro nun escenario aberto á música e ao encontro veciñal. O concerto de Panxoliñas de Narón reunirá a partir das 18:30 horas tres formacións corais do municipio nunha tarde pensada para compartir o Nadal en comunidade.
No concerto participarán a Coral Chorima de Castro, a Coral Amistad do Couto e a Coral Areosa de Piñeiros, tres agrupacións con longa traxectoria no tecido cultural naronés. Cada unha delas ofrecerá un repertorio composto por cinco panxoliñas, achegando diferentes estilos e sensibilidades dentro da tradición coral propia destas datas.
A presentación do evento contou coa participación da concelleira de Participación Cidadá, Olga Ameneiro, acompañada por representantes das tres agrupacións: Bruno González, da Coral Areosa de Piñeiros; Carlos Hermida, da Coral Amistad de O Couto; e Juan José Ocarranza, da Coral Chorima de Castro. Segundo sinalou Ameneiro, este concerto “é un exemplo do que supón o traballo constante das entidades culturais de Narón, que non só manteñen viva a tradición musical, senón que tamén favorecen espazos de encontro e convivencia entre a veciñanza”.
Pola súa banda, desde as agrupacións participantes destacaron o carácter especial da cita, nun espazo aberto e no corazón da cidade, permitíndolles achegar a música coral ás persoas asistentes e compartir con elas o Nadal.
Como peche da xornada, a organización ofrecerá unha merenda, reforzando o carácter festivo e participativo dun concerto aberto a todos os públicos e pensado para gozar en familia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
