As insignias de ouro da cidade recaen en Manuel Luaces, a título póstumo, nos fundadores do restaurante O Parrulo, na doutora en Historia Anabel Bello, no pintor Andrés Gabarres e na promotora cultural Teresa Valcarcel. O acto institucional terá lugar no teatro Jofre o 7 de xaneiro, día de San Xiao.
A Xunta de portavoces celebrada en Ferrol acordou, por unanimidade, conceder a distinción de Ferrolá do ano 2025 á catedrática de Historia, Esperanza Piñeiro de San Miguel, en recoñecemento á súa destacada traxectoria investigadora e ao seu firme compromiso coa conservación e divulgación da historia de Ferrol e da súa comarca.
Especialista en estudos históricos da cidade e da comarca, foi unha peza clave na creación do Museo de Ferrol e tamén mantén unha activa participación no Foro cidadán polo ferrocarril. A directora da revista Ferrol Análisis é autora de numerosas publicacións dedicadas a persoeiros ilustres e a cuestións sociais e históricas fundamentais para comprender a evolución da cidade, converténdose nunha referencia intelectual e académica imprescindible da memoria ferrolá.
As insignias de ouro de San Xiao, tamén aprobadas hoxe, distinguen a persoas e colectivos que contribuíron de maneira decisiva ao desenvolvemento social, cultural, académico e económico de Ferrol.
A título póstumo será entregada a Manuel Luaces, enxeñeiro de Astano durante dúas décadas e destacado impulsor do campus industrial de Ferrol. Profesor titular de Enxeñaría Técnica e Director do departamento de Enxeñaría Industrial da UDC, Luaces destacou polo seu impulso á colaboración entre a universidade e o tecido empresarial, así como polo seu compromiso co deporte local.
O pintor Andrés Gabarres contará tamén coa insignia de ouro. Este destacado artista foi finalista do 60º Premio Reina Sofía de Pintura e Escultura. E é autor do cadro de Fernando Miramontes que figura no salón de plenos do Concello de Ferrol.
Así mesmo, serán recoñecidos os fundadores do emblemático restaurante O Parrulo, Celestina Martínez e José Martínez, decanos da restauración ferrolá. En 1968 abriron o que primeiro foi un bar, na estrada de Catabois, e que se converteu nun referente nacional da cociña tradicional ferrolá e galega, avalado por numerosos premios e recoñecementos polo seu labor na preservación do patrimonio gastronómico.
A doutora en Historia Anabel Bello Platas recibirá igualmente a insignia de ouro polo seu rigoroso traballo investigador sobre Ferrol e a súa contorna. Esta investigadora é autora de numerosas publicacións sobre a historia de Ferrol e comarca, entre elas, destacan A capela de Serantes, A fabricación de fusís na ría de Ferrol, A ceca: a derradeira fábrica de moeda de Galicia… A súa obra é un piar para a preservación da nosa memoria colectiva. Foi, ademais, pregoneira da Feira do libro de Ferrol este ano.
Completa a relación de persoas distinguidas a ferrolá Teresa Valcarce Gracini, afincada en Washington DC. Recibirá a insignia de ouro pola súa labor como promotora cultural e histórica entre España e Estados Unidos. Consultora e conferenciante, foi condecorada co Encomenda da Orde do Mérito Civil polo Rey de España por conseguir que un retrato de Bernardo de Gálvez, militar español clave na independencia estadounidense, fora exposto no Senado dos Estados Unidos, unha reivindicación histórica con máis de 200 anos de antigüidade.
Os galardóns serán entregados o día 7 de xaneiro, con motivo da festividade de San Xiao, nun acto que se celebrará no teatro Jofre.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
