Ferrol en Común esixe o cumprimento da moción aprobada por unanimidade para o mantemento e reparación do Parque Pablo Iglesias.
Logo dun acordo veciñal co grupo municipal de Ferrol en Común, que foi trasladado ao Pleno da corporación, no mes de maio de 2025, acordouse por unanimidade a mellora integral do parque Pablo Iglesias.
«A calidade de vida na cidade vese resentida coa política de primar o vehículo particular sobre as zonas peonís, xa demostrada dende o inicio do mandato coas aperturas das rúas Terra e Rubalcava».
«Tendo escasos espazos verdes, e os que temos sometidos a operacións especulativas, como é o caso do Sánchez Aguilera, os que están no inventario municipal deben ser coidados, respectados e mellorados con prioridade».
«Na moción aprobárase un mantemento e reparación inmediatos de todos os camiños e sendeiros, a substitución das reixas dos sumidoiros deterioradas, a planificación dunha plantación arbórea participada cos veciños e veciñas, a mellora do acceso ao IES Sofía Casanova, a reposición de papeleiras e da sinalización vertical e horizontal, entre outras cuestións».
«Todas estas reivindicacións foron asumidas e defendidas con vehemencia polo concelleiro de servizos, e mesmo desenvolveuse unha memoria para dignificar o parque por parte dos técnicos municipais, segundo o propio concelleiro, para acometer de forma inmediata, a baixo custo e cos medios que dispón a empresa concesionaria de parques e xardíns».
«Sete meses despois non houbo nin a máis mínima actuación e as deficiencias non so persisten, se non que empeoran, e o goberno, centrado nas súas propias contradicións de dubidosa legalidade, como o derrubo da muralla, ou nas dilacións inexplicables da cidade do deporte, ten todo o resto da cidade sumida no abandono, deixando o uso cotiá dos nosos espazos nun estado case impracticable».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
