O Pazo da Cultura de Narón acolle a estrea absoluta do espectáculo Manual de patronaxe

Narón convértese esta fin de semana na casa dos afectos. O Pazo da Cultura acolle a estrea absoluta de ‘Manual de patronaxe’, a nova creación de Teatro do Noroeste, que se representa o venres 5 de decembro ás 20:30 horas e o sábado 6 ás 20:00 horas.
 
Manual de patronaxe © César Seijas
 
Dirixida por Clara Gayo a partir do texto de Nerea Brey —gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia 2023—, a peza presenta unha autoficción na que unha escritora en crise creativa revisita a súa infancia para recoñecer na súa avoa modista un faro íntimo e decisivo. Así, ‘Manual de patronaxe’ expande un diálogo interxeracional que convida o público a reencontrarse coas súas propias raíces. O elenco, formado por Iolanda Muíños, Raquel Espada e Susana Sampedro, sostén esta historia de afectos e memoria tecida con delicadeza.
 
Manual de patronaxe © César Seijas
 
Completan o equipo a produción executiva de Eva Alonso, a escenografía e vestiario de Equipo Teatro, e o deseño de iluminación e proxeccións de César Seijas. En conxunto, dan forma a unha creación que reivindica, en clave feminista, os pequenos instantes que, a forza de pasar desapercibidos, compoñen o auténtico patrón da vida. Para Eva Alonso, produtora do espectáculo, esta estrea “marca unha nova liña creativa en Teatro do Noroeste e simboliza un cambio xeracional que se está a construír con calma e coherencia”.
 
Engade que o texto de Nerea Brey foi elixido “porque fala das coidadoras, das avoas que nos fixeron medrar, e porque reivindica a grandeza deses detalles que sosteñen a nosa memoria”. As entradas para asistir á representación de ‘Manual de patronaxe’ están dispoñibles na web do Padroado da Cultura.

Lea también

Un total de 400 niños cantarán en Vilalba en la décima edición de ‘No bico un cantar’

A Terra Chá protagoniza la décima edición del certamen musical ‘No bico un cantar‘, actividad …