O Concello de Narón adhírese un ano máis á celebración do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade este 3 de decembro, expresando o seu apoio ao manifesto publicado polo Comité español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) con motivo desta data.
O documento, centrado este 2025 no lema “40 anos de España na Unión Europea: sen o social, non hai Europa”, reivindica a necesidade de fortalecer o modelo social europeo nun momento no que, segundo alerta, persisten desigualdades e retrocesos que afectan directamente a vida das persoas con discapacidade.
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, destacou que o apoio ao manifesto “é un xeito de reafirmar o compromiso de Narón cun modelo de sociedade que non deixa a ninguén atrás”, lembrando que os avances en materia de inclusión “son froito de décadas de loita do movemento da discapacidade”, polo que a Administración local “debe seguir sendo unha aliada activa para que os dereitos recoñecidos se traduzan en cambios reais na vida das persoas”.
O manifesto do CERMI subliña a necesidade de defender con firmeza os dereitos das persoas con discapacidade, reforzando o cumprimento da Convención da ONU, que cumpre vinte anos; reclama a aprobación dunha lei europea contra a discriminación que garanta a igualdade real en todos os ámbitos; e pon o acento na accesibilidade plena en vivenda, transporte, información e comunicación, xunto coa dispoñibilidade de recursos de apoio axeitados.
Insiste tamén o manifesto na importancia de garantir o acceso a unha vivenda digna e accesible en toda a Unión Europea, avanzar cara a un etiquetado accesible nos produtos de consumo, asegurar o exercicio do voto de forma independente e secreta, impulsar a creación dunha Axencia Europea de Accesibilidade e desenvolver unha Estratexia Europea de Emprego Inclusivo que conte coa participación activa das entidades sociais.
Ademais, reclama medidas específicas que melloren a situación das mulleres e nenas con discapacidade, incluíndo a proposta dun Ano Europeo dedicado a elas, así como actuacións para apoiar as persoas con discapacidade afectadas por conflitos bélicos. Finalmente, subliña a necesidade de garantir que o marco financeiro plurianual da UE se empregue de forma eficaz para promover a accesibilidade, a vida independente, a asistencia persoal, o emprego inclusivo e o fortalecemento da economía social, asegurando que as organizacións do movemento da discapacidade participen nas decisións sobre o uso destes fondos.
María Lorenzo subliñou que as demandas recollidas no manifesto “encaixan plenamente coa folla de ruta do Concello de Narón, que traballa para facer da accesibilidade e da inclusión un eixe prioritario das políticas municipais”, e afirmou que “a transformación social só é posible se todas as administracións, desde o ámbito local ao europeo, camiñamos na mesma dirección”.
No marco desta conmemoración, o Concello impulsa tamén actividades de sensibilización dirixidas á infancia e ás familias. “Somos iguais, somos diferentes” é unha proposta multidisciplinar organizada polas alumnas do Grao Superior de Integración Social que realizan prácticas na Biblioteca Municipal. Trátase dunha iniciativa que combina contacontos, audiovisual e pequenos obradoiros, deseñada para nenas e nenos a partir de 4 anos co obxectivo de fomentar o respecto, a empatía e a comprensión das capacidades diversas, ademais de promover a reflexión sobre os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade.
Para participar é necesario ter cumpridos os catro anos e contar co carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. As prazas poden reservarse presencialmente ou chamando ao 981 382 173, en horario de apertura da biblioteca. O Concello anima a veciñanza a sumarse tanto á celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade como ás actividades programadas, e a continuar traballando colectivamente para construír un Narón máis xusto, accesible e diverso. “Queremos unha Europa social e queremos un Narón para todas as persoas”, concluíu Lorenzo.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
