A galería da Casa do Concello de San Sadurniño exhibe ata finais de decembro unha exposición conxunta dos artistas ferroláns Carlos Barcón e Julio Ferrín, dous creadores que achegan olladas complementarias sobre o territorio: o primeiro, a través da forza e a poesía do mar en once óleos de intensa luminosidade; e o segundo, a memoria recuperada de Ferrol a través de dezaseis láminas onde reviven recunchos desaparecidos ou moi transformados de Esteiro, Canido e Ferrol Vello. A mostra pode visitarse polas mañás de luns a venres, no horario de apertura das oficinas municipais.

O traballo de Julio Ferrín xorde da pulsión por conservar o que xa non está. O debuxante explica que as súas obras son litografías pintadas con acuarela nas que recrea “zonas de Ferrol que xa desapareceron ou que están moi modificadas”. A partir de fotografías antigas, Ferrín busca a perspectiva orixinal e logo permítese engadir detalles propios para completar a escena, nun diálogo entre a ollada documental e a creación artística.
Nas súas láminas reviven espazos como a praza de San Amaro, a Casa do Patín ou a rúa Adán e Eva en Esteiro; a rúa Alegre, o Curral do Chapón ou o cruceiro de Canido dos anos trinta do século pasado; e o lavadoiro do Paseo do Túnel en Ferrol Vello. Ferrín lembra tamén que acumula “uns 70 e pico orixinais” e confesa que lle gustaría que a súa obra “quedase nun museo”, como legado do Ferrol que desaparece pero que merece ser lembrado.
Nun rexistro totalmente distinto, pero igualmente evocador, móvese a colección mariña de Carlos Barcón. O pintor, membro fundador e integrante da directiva da Sociedad Artística Ferrolana, agradeceu ao alcalde a invitación para expoñer nun lugar “tan agradable e moderno”, unha oportunidade que lle permite amosar once óleos centrados maiormente nas paisaxes marítimas.
Barcón explica que os seus temas son “preferentemente o mar, a vela”, un símbolo que mesmo utiliza como sinatura persoal, e detalla que traballa con óleo “mesturado con algúns outros produtos” que lle permiten investigar e experimentar. A súa pintura, di, pretende ser «agradable e alegre», e Ferrín mesmo a describe como “impresionista”, unha etiqueta coa que Barcón se amosa cómodo ao falar do seu gusto por “mesturar técnica e investigar”.

As obras do pintor ferrolán —con títulos como “Verán”, “Borrasca”, “Porto”, “Cedeira” ou “Luminosa Galicia”— ofrecen unha viaxe emocional pola costa galega. Nas súas telas hai mares en calma, días de sol filtrado pola brétema e tamén borrascas cheas de movemento, sempre cun uso expresivo da cor que busca transmitir sensacións máis que representar paisaxes. Barcón recoñece que lle encanta investigar novas combinacións e efectos, algo que se percibe nesas texturas vivas e cambiantes que caracterizan a súa pintura.
O encontro entre as dúas propostas crea unha exposición que respira identidade: Ferrín revive o Ferrol que foi e aínda é, mentres que Barcón celebra o mar que o baña pola costa e meténdose pola ría. Xuntas, as obras compoñen un diálogo entre memoria e emoción, entre a cidade que cambia e o océano que permanece… ou eentre o océano cambiante e a cidade que parece non cambiar.
A mostra poderá visitarse ata finais de decembro no horario habitual de apertura das oficinas municipais, ofrecendo ao público a oportunidade de mergullarse nunha dobre lectura do territorio a través das mans de dous artistas profundamente vencellados á súa terra e que transpiran ferrolanismo por cada poro da súa pel.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.