Ares principia a oferta municipal do Nadal

O Concello de Ares desvela a programación das áreas de Cultura, Deportes e Xuventude que se desenvolverá na vila para que ninguén quede sen pasalo ben neste Nadal.

Os espectáculos de teatro musical, o XIV Certame de Panxoliñas, a XX Carreira Popular, zumba na Praza da Constitución, Campionato de eSports… unha oferta diversificada que abrangue dende o 5 de decembro até o 5 de xaneiro. Os obradoiros culturais que se realizan na Biblioteca Municipal requerirán de inscrición previa a través da web institucional.

 

O Concello de Ares presentou a programación completa que se organizará na vila durante este Nadal, achegando tanto actividades lúdico-culturais coma deportivas e para a mocidade.

O venres 5 de decembro, principiará a oferta co pendurado dos bos desexos na árbore da Ponte da Ciscada e o acendido da iluminación de Nadal, comezando con toda esta programación. Entre as propostas, inclúense eventos xa tradicionais e moi asentados, como o XIV Certame de Panxoliñas (21 de decembro), ou as Cabalgatas de Papá Noel (24 de decembro) e Reis Magos (5 de xaneiro).

Dende o eido cultural, o teatro e a narración oral cobrarán especial relevancia, incluíndo o espectáculo multidisciplinar ‘Na Cerna do Son’ (13 de decembro), o monólogo humorístico de Leti da Taberna (26 de decembro) ou o teatro musical para os máis pequenos coas aventuras de Jazzy e Blusy (29 de decembro), entre outras iniciativas.

A Biblioteca Municipal tamén acollerá múltiples obradoiros de manualidades e de pastelería creativa, ademáis de buscapistas e karaoke. Con todo, os obradoiros culturais precisarán de reserva previa na páxina web www.concellodeares.gal, cun custe de 4 euros, agás o de pastelería creativa, que será de 10 euros.

A Comisión de Festas de San Roque tamén se sumará á programación co seu Nadal no Mercado Municipal de Ares, dúas xornadas —do 27 ao 28 de decembro— onde haberá obradoiros, gastronomía, maxia e o sorteo da súa macrocesta. E quen o desexe poderá celebrar a fin de ano na festa que propón a Comisión de Festas do Mar na Praza da Igrexa.

DEPORTE PARA TODOS

Na parte deportiva, o Chiquibasquet Nadal acada a súa novena edición na vila facendo que a rapazada entre en contacto coa práctica baloncestística, mais tamén haberá aposibilidade de que as familias se animen co tenis de mesa no torneo que se programa o 26 de decembro no pavillón polideportivo, amais da xornada de portas abertas de fútbol sala feminino o 30 deste mes.

Os corredores e corredoras percorrerán Ares e Mugardos na tradicional XX Carreira Popular de Fin de Ano (28 de decembro) e quen o desexe poderá despedir o 2025 a ritmo de zumba durante o último día do ano na Praza da Constitución, para todas as idades.

CAMPIONATOS E OBRADOIROS NA CASA DA XUVENTUDE

No caso da mocidade da vila, a Casa da Xuventude centralizará varios campionatos e obradoiros destinados especificamente para eles. Dende o 23 de decembro e até o 5 de xaneiro, en diferentes datas haberá a posibilidade de participar en torneos de tenis de mesa, futbolín, xogos en rede e eSports, mais tamén formarse en cuestións directamente vencelladas co software libre ou en seguridade, ocio e operacións dixitais na Internet, sempre en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas.

Todas estas actividades terán o seu proceso de reserva previa presencial na propia Casa da Xuventude.

Lea también

Valdoviño volve facilitar prácticas non laborais ao alumnado do London Institute

Cinco estudantes de Programación en Linguaxes Estruturadas completarán 175 horas que lles darán acceso ao …