A Deputación da Coruña licita por 930.000 euros a adquisición da nova sede de Ferrol

A nova sede debe situarse nun edificio céntrico e acollerá a oficina de recadación, un espazo de coworking, salón de actos e áreas de representación institucional.

Valentín González Formoso-Presidente da Diputación de A Coruña

A Deputación da Coruña da este martes un paso decisivo coa publicación do prego para adquirir un inmoble no centro de Ferrol, destinado a converterse na primeira sede provincial fóra da cidade da Coruña en douscentos anos de historia da institución. A apertura deste novo espazo, prevista para 2026, reforzará a presenza da Deputación na comarca e facilitará unha relación máis directa coa cidadanía e co tecido económico da zona.

O contrato conta cun prezo de licitación de 930.000 euros, IVE incluído, e céntrase na procura dun edificio con valor histórico ou arquitectónico, preferentemente situado nas proximidades do Concello de Ferrol e integrado na trama urbana do centro da cidade.

Oficina recadatoria de la Diputación en Ferrol -archivo

Características técnicas

O inmoble deberá dispor dunha superficie útil mínima de 670 metros cadrados e dunha superficie construída de polo menos 770 metros cadrados, permitindo habilitar a nova oficina de recadación de impostos, un espazo de coworking para emprendedores, un salón de actos e aula de formación con capacidade para setenta e cinco persoas, unha sala de reunións, zonas administrativas e un ámbito destinado a representación institucional. Entre os requisitos inclúense iluminación natural, conectividade cos servizos urbanos, accesibilidade total e cumprimento da normativa vixente en materia de edificación e seguridade laboral.

A Deputación tamén valorará positivamente a proximidade a outros centros administrativos, especialmente ao Concello e ao edificio da Xunta de Galicia, así como a posible localización no barrio da Madalena en inmobles con singularidade arquitectónica. Ademais, terase en conta o menor custo de comunidade ou gastos asociados que poida presentar cada proposta.

 

 

Lea también

El PSOE de Ferrol solicita una intervención con carácter de urgencia en la calle Valenta

La senda peatonal en la calle Valenta, en el barrio de San Pablo, está a …