As Pontes acende a programación Nadal con maxia, música e teatro

As Pontes prepárase para vivir un Nadal único, no que a cultura, o lecer e as tradicións se combinan para encher cada recuncho da vila de luz, alegría e creatividade.

Desde espectáculos familiares e concertos ata teatro, cine, pasacalles e maxia, a programación está pensada para que toda a comunidade participe e disfrute destas datas tan especiais, promovendo a convivencia e facendo da vila un espazo de encontro e celebración.

A concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destaca que “estas festas son unha oportunidade excepcional para que a veciñanza de todas as idades se achegue á cultura local e ás propostas artísticas que enchen a nosa vila de vida, cor e emoción. Queremos que As Pontes se converta nun referente de dinamización cultural durante a época de Nadal, ofrecendo actividades que conecten xeracións e fomenten a participación familiar”.

A programación comeza o xoves 4 de decembro co Obradoiro Creativo “Bolsas de tecido personalizadas” de Comeluz na Biblioteca Municipal ás 18:00 horas, cunha duración de 120 minutos e recomendado para maiores de seis anos. Esta actividade permitirá aos nenos explorar a súa creatividade e aprender de forma práctica e divertida.

O venres 5 de decembro, ás 19:30 horas no Parque Municipal, celebrarase o tradicional acendido da iluminación de Nadal, un momento esperado pola veciñanza que simboliza a chegada da maxia destas festas. Ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi, terá lugar o espectáculo familiar “Soño”, de Uxía Lambona e a Banda Molona, cunha duración de 75 minutos e apto para todos os públicos, un show que mestura música, emoción e fantasía, enchendo de ilusión o corazón dos asistentes.

O xoves 11 de decembro, Teatro ó Cubo presentará a obra “Voo” na Casa Dopeso ás 18:00 horas, un espectáculo de 45 minutos recomendado para nenos a partir de tres anos, pensado para estimular a imaxinación e o sentido do marabilloso nos máis pequenos.

O venres 12 de decembro, terá lugar o Concierto de Nadal na Casa Dopeso ás 20:00 horas, protagonizado polo Orfeón Xoán Montes de Lugo e as Rondallas Semente Nova e Vila das Pontes, unha cita imprescindible para sentir a música tradicional e coral do Nadal.

O sábado 13 de decembro, a programación acollerá a Gala benéfica das escolas de baile moderno e danza clásica “Jotham, a cidade do Joker”, en favor de ASPANAES, cunha triple función ás 16:30, 18:00 e 20:30 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi. Esta gala promete emoción, danza e talento sobre o escenario, nun evento solidario que combina cultura e compromiso social.

O martes 16 de decembro continuará a programación co Concerto Pequenadal do Conservatorio de Música das Pontes ás 17:00 horas no Auditorio cunha duración de 60 minutos e apto para todos os públicos, ofrecendo aos máis pequenos e pequenas da cada a oportunidade de gozar da música clásica nun formato adaptado á súa idade, e o mércores 17 de decembro, ás 19:00 horas na Casa Dopeso, terá lugar o Concerto de Nadal da Escola Municipal de Acordeóns, cunha duración de 60 minutos e apto para todos os públicos, unha cita que amosa o talento musical local e a tradición instrumental do Nadal.

O xoves 18 de decembro, a Casa Dopeso acollerá ás 18:00 horas o espectáculo familiar “No Nadal toca… Maxia” de Sara Rodríguez, que mestura humor, ilusión e participación do público. Ás 19:00 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi, o Conservatorio de Música das Pontes presentará un Concierto de Conxuntos, unha mostra da diversidade musical que se forma na vila e do talento das e dos seus alumnos.

O venres 19 de decembro, Picariños ofrecerá “A Maxia do Nadal” ás 18:00 horas na Casa Dopeso, pensado para nenos de 2 a 8 anos, unha experiencia lúdica e máxica que conecta aos máis pequenos co espírito destas festas.

O sábado 20 de decembro, a Orquestra Os Satélites repetirá o Baile de Nadal ás 18:00 horas no Patio do Colexio Santa María, un momento de música e danza aberto a toda a veciñanza.

O domingo 21 de decembro, As Pontes acollerá a IV Gala Internacional de Ilusionismo “As Pontes ten Maxia” no Auditorio Municipal Cine Alovi ás 19:00 horas, cunha duración de 90 minutos. Contará coa participación de destacados magos internacionais como Mago Murphy (Madrid), Dania Díaz (Venezuela), Peio Rivas (Bilbao), Edama (Logroño) e Bonjin Koo (Corea do Sur), garantindo unha noite de sorpresas, emoción e maxia para todas as idades. As entradas teñen un prezo de 10 euros e poden adquirirse en https://aspontes.sacatuentrada.es/.

Do 22 ao 30 de decembro e o 2 de xaneiro, os máis pequenos poderán desfrutar do Tempo de Nadal, un espazo de xogo infantil e xuvenil no Patio do Colexio Santa María entre as 16:30 e as 20:30 horas, destinado a todos os públicos. Este programa ofrece actividades e espazos pensados para fomentar a creatividade, a diversión e o xogo en grupo, con zonas como Rolly Toys, Cocina con SuperThings, Circuito Carrera, Playmobil e un Evento Pirata, garantindo unha experiencia lúdica segura e inesquecible durante estas datas tan especiais.

O martes 23 de decembro, terá lugar o Concerto de Nadal da Banda Escola de Música das Pontes ás 19:30 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi, e o xoves 24 de decembro, a Charanga Os Celtas percorrerá as rúas da vila entre as 12:30 e as 14:00 horas, creando un ambiente festivo e participativo.

O sábado 27 de decembro, Xampatito Pato presentará o espectáculo “Compaña” ás 18:00 horas no Auditorio, cunha duración de 50 minutos. As entradas teñen un prezo de 3 euros e poden adquirirse en https://aspontes.sacatuentrada.es/.

Xa martes 31 de decembro, a Charanga Carmiña animará as rúas entre as 12:30 e as 14:00 horas. O sábado 3 de xaneiro, o Grupo Origen ofrecerá o tradicional Baile de Reis ás 23:00 horas no Patio do Colexio Santa María

Finalmente, o domingo 5 de xaneiro, celebrarase a Cabalgata de S.S.M.M. os Reis Magos, que partirá ás 18:00 horas da Rúa Monte Caxado e culminará coa Recepción Real no Auditorio Municipal Cine Alovi, un momento cheo de ilusión para os máis pequenos e para toda a familia.

Durante todo o mes, a Casa Dopeso ofrecerá unha completa carteleira de cinema, con películas para todos os gustos e idades, incluíndo animación, drama, fantasía, cine europeo e sesións neurodiversas. Entre os títulos destacados atópanse Olivia y el Terremoto Invisible, Siempre es invierno, Wicked – Parte II, Golpes, Núremberg, 100% Wolf: Pequeño Gran Lobo e Blue Moon, cunha ampla variedade de horarios ao longo do mes. As entradas poden adquirirse en https://aspontes.sacatuentrada.es ou na billeteira unha hora antes de cada función.

Segundo Lorena Tenreiro, “a diversidade desta programación reflicte o noso compromiso de ofrecer propostas culturais para todos os públicos, favorecendo a participación familiar, a creatividade e a convivencia. Queremos que cada recuncho da vila se encha de música, teatro,cine, maxia e emoción durante estas datas tan especiais”.

Con este completo calendario, As Pontes consolídase como un referente de dinamización cultural durante o Nadal, converténdose nun espazo de encontro, diversión e celebración para toda a cidadanía, onde grandes e pequenos poden vivir a maxia destas festas con intensidade e ilusión.

Lea también

El Supremo anula la autorización de un eólico en Moeche al no analizar los efectos con parques cercanos

El Tribunal Supremo ha anulado la autorización administrativa del parque eólico Moeche, en la provincia …