A Deputación presenta unha nova iniciativa que loita contra o acoso escolar a través do teatro

A Deputación da Coruña anuncia unha nova acción educativa destinada a concienciar o alumnado sobre o acoso escolar mediante propostas culturais e participativas. Entre os días 12 e 17 de xaneiro, diversos institutos de secundaria e bacharelaro dos concellos de Neda, Sada, Oleiros, Carballo, Oroso e A Pobra do Caramiñal acollerán unha programación específica centrada na prevención do bullying.

O eixo principal da proposta será a representación teatral ‘PAPEL’, da compañía Ventrículo|Veloz, unha obra escrita e dirixida por Jose Padilla que aborda o fenómeno do acoso cun estilo cercano, áxil e pensado para facilitar o diálogo coa mocidade. A montaxe combina humor e realismo para que o público poida recoñecer dinámicas habituais de exclusión e repensar o seu papel dentro da comunidade escolar.

A deputada de Educación, Yoya Neira, explicou que o proxecto nace cun obxectivo claro: reforzar a convivencia nas aulas a través da cultura e da reflexión colectiva. Segundo destacou, “a loita contra o acoso escolar debe ser unha prioridade compartida, e iniciativas como esta axudan a que o alumnado identifique, comprenda e rexeite estas situacións desde a empatía e o respecto”.

Neira subliñou que esta primeira edición está dirixida ao alumnado de Bacharelato, seguindo as recomendacións trasladadas polos propios centros. “É importante traballar estes temas en cursos altos, onde xa se teñen vivencias e capacidade de reflexión. Queremos facerlles chegar, a través do pensamento crítico e da empatía, esas situacións que ás veces permanecen ocultas”, sinalou a deputada, quen lembrou que se trata dun proxecto educativo a través da arte, co que se agarda “unha moi boa acollida”.

A representante provincial incidiu tamén en que esta proposta non nace ao azar, senón que forma parte da estratexia da Deputación para promover valores democráticos e fortalecer os vínculos da comunidade educativa. “Vimos traballando con sensibilidade cos concellos e coa comunidade educativa, porque a preocupación por determinadas condutas medrou, especialmente polo impacto das redes sociais”, afirmou.

Nese sentido, Neira alertou sobre o papel das plataformas dixitais como espazo onde o acoso se estende máis alá das aulas: “As redes sociais chegaron para quedar e a mocidade comunícase nelas a diario desde idades moi temperás. O bullying xa non queda no colexio: está presente as 24 horas, e moitas veces non teñen as ferramentas necesarias para xestionalo. A comunidade educativa —profesores, alumnado e familias— debe ser consciente deste perigo e reflexionar tamén sobre a idade de entrada no mundo dixital”.

A deputada concluíu destacando que esta campaña pretende ser unha ferramenta máis dentro dun labor continuado, pois “gotiña a gotiña, con iniciativas como esta, axudamos a que o alumnado identifique aquelas actitudes que sobrepasan a broma. Facémolo dunha forma lúdica, próxima e adaptada á súa realidade. E se os resultados son bos e a resposta é positiva, poderemos continuar esta liña de traballo nos próximos anos”.

Lea también

Ferrol, «referencia» gallega en cirugía robótica, ya supera las 1.500 intervenciones con el robot Da Vinci

El Área Sanitaria de Ferrol se ha consolidado como un centro de referencia en cirugía …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *