O programa “As Pontes, Terra de Cogomelos” é unha aposta do Concello das Pontes polo desenvolvemento rural e pola cultura micolóxica en Galicia .
As Pontes converteuse esta fin de semana, na capital galega da micogastronomía coa celebración da gran final dos concursos culinarios “Mellor cociñeiro profesional de cogomelos” e “Mellor cociñeiro/a amateur de cogomelos”. Durante máis de tres horas, as instalacións da asociación A Choupana acolleron un encontro gastronómico excepcional no que talento, creatividade e paixón polos cogomelos comestibles se deron a man nun ambiente de alta cociña, tradición e innovación.
Nesta nova edición competiron 31 receitas, das cales 12 chegaron á final. Os participantes finalistas, procedentes das localidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Baio, Burela, Narón, Xermade e As Pontes, presentaron os seus pratos de forma presencial no local veciñal da Choupana, ante un xurado composto por Ricardo Gabeiras (Agrupación Micolóxica Poupariña), Cristina Fustes (Mesón 7 Camiños) e Mari Cruz Lois (Restaurante Delapiccola), que tivo que avaliar cada receita atendendo á súa orixinalidade, presentación, técnicas empregadas, protagonismo dos cogomelos, aroma e, por suposto, o seu sabor, criterios fundamentais para determinar as creacións gañadoras.
As persoas gañadoras da edición 2025 de “As Pontes, Terra de Cogomelos” destacaron pola súa excelencia en todas as categorías. No ámbito amador, o premio á mellor receita doce recaeu en Mónica Gómez, de As Pontes, coa súa creación Doce eclosión cremosa de coco e shiitake, mentres que na categoría de receita salgada o recoñecemento foi para Alejandro Calvo, da Coruña, polo seu Parmentier de parmesano con níscaros salteados e ovos de codorniz. No concurso profesional, o galardón á mellor proposta doce foi para Rafael Rivas, de Vigo, polos seus Macarons, e o premio á mellor receita salgada foi outorgado a Fabián Rondón, de Santiago de Compostela, pola súa elaboración Renacer do Bosque Galego.
No concurso destinado a persoas afeccionadas á cociña, o xurado recoñeceu tamén o talento doutras propostas que sobresaíron pola súa creatividade e bo gusto. Recibiron accésits as elaboracións Pasteis de follado con cabelo de anxo e marmelada de cantarelas, de Carmen Martínez; a Tosta de embutido de mans de porco e níscaros, acompañada de rulo de cabra, marmelada de figos negros e AOVE de níscaros, de Fátima Filgueira; e o sushi de setas presentado por Luis Romero, tres receitas que destacaron polo excelente tratamento do produto e a súa presentación.
No concurso profesional, o nivel técnico das propostas levou ao xurado a conceder varios accésits ás elaboracións Bosque doce de boletos, avelá e cacao, de Mateo Lema; Boletos, cantarelos, chocolate e abelá, de Brais Llano; Shiitake, pato marinado e mollo de vaca, de Ismael Esteban, cociñeiro do Restaurante O Xantar; Textura suave de portobelo con perla de xema curada e tella de xamón, de Christian Ribeiro; e Shimeji confitado, de Hugo Pereira, todas elas exemplos da excelencia e creatividade da gastronomía galega arredor dos cogomelos.
Os premios entregados ás persoas finalistas estiveron vinculados á temática micolóxica e á posta en valor do produto local. Entre eles incluíronse os delantales oficiais de “As Pontes, Terra de Cogomelos”, permisos anuais de acceso con fins de autoconsumo ao Couto Micolóxico do Monte Forgoselo, cestas de cogomelos frescos da empresa pontesa Setabella, do cultivador en ecolóxico Rafael Bellas, así como vales para degustar receitas nos establecementos que participarán na próxima edición das Xornadas Gastronómicas 2025. Ademais, confirmouse que os gañadores da categoría profesional, Rafael Rivas e Fabián Rondón, serán os encargados das demostracións culinarias da Feira de Fungos e Cogomelos 2026, que celebrará o seu 36º aniversario. Por último, as 4 receitas gañadoras recibiron como agasallos especial 4 trofeos elaborados polo torneiro local Sergio Picos “Comeluz”.
Ao remate da entrega de premios, a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro, destacou que “o nivel das persoas participantes foi extraordinario. Despois de cinco anos, este concurso está consolidado a nivel e contribúe a situar As Pontes como un referente na gastronomía elaborada a base de cogomelos en Galicia”. Así mesmo, a concelleira agradeceu a asociación veciñal A Choupana, “que puxo á nosa disposición as súas instalación, e aos 3 membros do xurado, que realizaron excelentemente unha avaliación técnica moi complexa”.
Nos próximos días publicarase un receitario dixital e gratuíto, que reunirá as 31 creacións desta edición e permitirá seguir promovendo a cultura micogastronómica en todo Galicia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
