O ente municipal licita por 149.911 euros a rehabilitación enerxética da infraestrutura deportiva.

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación as obras de rehabilitación enerxética do Polideportivo da Magdalena, cun investimento previsto de 149.911,99 euros, financiada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o Concello das Pontes.
O proxecto permitirá modernizar esta instalación construída entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, mellorar o seu confort interior e reducir o consumo enerxético, dando resposta ás deficiencias que presenta na actualidade.
A actuación céntrase na renovación integral das fachadas do volume principal, que hoxe amosan humidades, manchas, deterioro da fábrica exterior e ausencia de illamento térmico.
Así o proxecto prevé a rehabilitación completa da envolvente, incorporando un novo sistema de illamento polo exterior e substituíndo a chapa existente na parte superior, co obxectivo de mellorar o comportamento térmico do edificio, evitar filtracións e renovar a súa imaxe.
A obra inclúe tamén a reposición dos canalóns e baixantes afectados, indispensables para garantir unha correcta recollida e evacuación das augas pluviais. Xunto á mellora da fachada, o Concello acometerá a modernización do sistema de iluminación interior. As luminarias antigas de vapor de mercurio, de maior consumo e menor rendemento, serán substituídas por tecnoloxía LED máis eficiente.
Ademais, instalarase un sistema de control do acendido e da intensidade que permitirá adaptar a luz ás necesidades reais do uso deportivo, reducindo o consumo e mellorando a calidade lumínica no interior do pavillón.
Outro dos puntos clave do proxecto é a renovación do sistema de produción de auga quente sanitaria. Os actuais acumuladores eléctricos serán substituídos por equipos aerotérmicos, capaces de xerar auga quente cun consumo moito menor ao aproveitar a enerxía do aire. Esta mellora permitirá un funcionamento máis sostible e unha redución notable do gasto eléctrico.
O goberno municipal subliña que esta licitación supón un paso decisivo na modernización das instalacións deportivas do municipio e un avance na aposta por edificios públicos máis eficientes, confortables e respectuosos co medio ambiente. Engaden que o proxecto beneficiará directamente ao alumnado e á comunidade educativa do CEIP A Magdalena así como á veciñanza que contará cun pavillón renovado, máis seguro e mellor preparado para o uso diario.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.