O grupo municipal social a través dun comunicado expresa que «as novas sobre o derrube da rúa María, ou o incendio da rúa Arce, non son máis que as últimas manifestacións da neglixencia coa que o actual goberno municipal afronta as obrigas urbanísticas que lle outorgan leis como a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, ou a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, ou mesmo a propia Ordenanza municipal reguladora das licenzas urbanísticas e das actividades do Concello de Ferrol, ordenanza na que o alcalde se impuxo unha serie de obrigas das cales non cumpriu nin sequera a primeira».
«Deste xeito vemos como nin sequera se preocupan polo básico, xa que nesta cidade, vemos como proliferan as vallas de obra, ocupando o espazo público e a ninguén do goberno municipal lle importa nin se preocupa se rematou o período da autorización concedida, o que pode levar a que os espazos públicos estean ocupados durante anos pagando dun mes de taxa, esto tamén ocorre coas vallas, cos contedores, cos andamios… que acaban esquecidos e tirados nas nosas rúas».
«Esta falta de actuación municipal, que observamos no básico, esténdese a todos os ámbitos da inspección e da disciplina urbanística, vemos que o Concello non ten ningún plan para garantir que os edificios da nosa cidade cumpran as normas de seguridade e saúde, nin se preocupa de que os propietarios cumpran co seu deber de mantemento, nin emprega as ferramentas das que dispón como administración para facer cumprir estas obrigas».
«Por iso os nosos veciños teñen que sufrir, camiñando por rúas onde os escaparates de locais baleiros están cheos de lixo, ou ver como edificios en mal estado se deterioran ata converterse en ruínas que certos propietarios deixan caer, intentando evitar cumprir coas obrigas de protección e conservación do Plan Especial da Magdalena».
«Se o anterior fose pouco, dada a evidente falta de recursos na área de Urbanismo, o goberno municipal decidiu prescindir dunha das entidades que apoiaban a área de urbanismo para a tramitación da antiga inspección técnica de edificios, agora, que debido á antigüidade das edificacións no concello de Ferrol a necesidade destes informes se estende agora os dous ensanches, cómpre lembrar que ter o certificado é necesario para poder alugar ou vender o inmoble e que este certificado se obtén co rexistro municipal».
«Desde o Concello de Ferrol existen múltiples ferramentas administrativas que permiten combater esta situación, que van dende o establecemento de plans de inspección ata a posibilidade de crear un rexistro de solares baleiros e ruínas que permitiría poñer a poxa edificios cuxos propietarios non cumpran coas súas obrigas, e no caso de que esta poxa se declare deserta, podería adquirila e destinala a política de vivenda».
«Ademais, o artigo 140 da Lei do Solo de Galicia permite a actuación a través dunha sociedade urbanística, o que constitúe unha razón máis para a creación da sociedade pública de vivenda».
Por todo o exposto, solicita ao Concello de Ferrol :
«Dotar o departamento de Urbanismo do persoal técnico e administrativo suficiente para que poida cumprir as súas obrigas de inspección e disciplinarias».
«O desenvolvemento dun plan para o seguimento do cumprimento da ordenanza fiscal número 18 que regula a taxa por ocupación de terreos públicos con bens, materiais de construción…»
«O desenvolvemento dun plan para o cumplimento das obrigas dos propietarios das edificacións en mal estado».
«Que cumpra coas súas obrigas para ter constancia da situación dos edificios do Concello de Ferrol mediante unha correcta tramitación dos informes de avaliación de edificios».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
