O grupo municipal socialista presenta unha moción no pleno para a protección do arborado urbano, a reposición obrigatoria dos exemplares talados e a renaturalización de Ferrol fronte ao cambio climático.
«O arborado urbano constitúe unha infraestrutura ecolóxica fundamental para afrontar os retos derivados do cambio climático, especialmente o incremento de altas temperaturas, a perda de confort térmico e a necesidade crecente de espazos de descanso, sombra e humanización nas rúas de Ferrol».
«As árbores contribúen de maneira decisiva á redución da temperatura, melloran a calidade do aire, xeran benestar e permiten configurar rúas e prazas máis habitables, seguras e amables para a cidadanía».
«En definitiva, son un elemento central da renaturalización que Ferrol precisa. Porén durante este mandato consolidouse un modelo de xestión que favorece a eliminación de arborado maduro, con pouca planificación e escasa transparencia, afectando a distintos barrios e espazos emblemáticos da cidade».
«Así, producíronse actuacións que supuxeron a retirada de exemplares sen criterios de renaturalización adecuados en puntos como: – Inferniño, con intervencións que reduciron notablemente a presenza de sombra e verde urbano»;
«A Malata, onde se eliminaron árbores sen reposición equivalente»;
«Praza de Amboage, onde diminuíu o arborado consolidado afectando á sombra e ao confort do espazo público»;
«Avenida de As Pías, onde as plantacións anunciadas continúan sen executar»;
«Rúa Igrexa, onde se produciu unha diminución do número de árbores e un cambio de especie que reduciu a achega de sombra e valor ambiental respecto dos exemplares anteriores».
«Ao mesmo tempo, o goberno municipal ten anunciado diversas plantacións que, a día de hoxe, permanecen sen executar. Ademais, a protección e incremento do arborado urbano contribúe directamente ao cumprimento dos compromisos asumidos por Ferrol no marco da Axenda 2030, especialmente nos ODS 11 (Cidades sostibles), 13 (Acción polo clima), 15 (Ecosistemas terrestres) e 3 (Saúde e benestar), que establecen a obriga de avanzar cara cidades máis verdes, resilientes, saudables e adaptadas ás altas temperaturas».
«Esta dinámica é incompatible coas políticas necesarias fronte ao cambio climático, compromete a confortabilidade dos barrios, a humanización dos espazos públicos e o dereito da veciñanza a desfrutar dunha cidade máis verde e saudable».
ACORDOS
Por todo o exposto, este grupo municipal insta ao pleno municipal a:
«Moratoria inmediata de talas».
«Creación do Rexistro Municipal do Arborado Urbano»
«Informes técnicos actualizados e públicos».
«Reposición equivalente ou superior con criterios de renaturalización».
«Información detallada sobre todas as zonas afectadas».
«Participación cidadá e transparencia».
«Informe anual ante o Pleno».
«Integración das actuacións no marco da Axenda 2030, contribuíndo aos seus obxetivos».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
