O Concello das Pontes, a través do Centro de Información á Muller (CIM), abre o luns 24 de novembro o prazo de inscrición para participar nos Campamentos Urbanos de Nadal 2025-2026, unha iniciativa destinada a ofrecer actividades lúdico-educativas ás crianzas do municipio durante o período non lectivo do Nadal, favorecendo a conciliación da vida familiar e laboral.

A programación desenvolverase os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro de 2025 e os días 2, 5 e 7 de xaneiro de 2026, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As actividades incluirán propostas educativas, deportivas e de lecer adaptadas a cada idade.
Os obradoiros están dirixidos ás crianzas nadas entre 2014 e 2022, podendo participar tamén menores con discapacidade igual ou superior ao 33% que superen o límite de idade, ata un máximo de 14 anos, sempre que exista informe que acredite a súa idoneidade.
O programa conta cun total de 30 prazas, sendo necesario un mínimo de 10 inscricións para a súa realización. A inscrición poderá tramitarse: no Rexistro Municipal, previa cita, do 24 de novembro ao 10 de decembro, en horario de 8:30 a 13:30 h ou a través da sede electrónica municipal, desde o 24 de novembro ás 00:00 h ata o 10 de decembro ás 23:59 horas.
As familias solicitantes deberán estar empadroadas no Concello das Pontes con anterioridade á data da convocatoria, tanto os proxenitores/titores como os menores participantes. A documentación requirida inclúe, entre outros, libro de familia, DNI, certificados laborais, empadroamento, declaración da renda 2025 e informes ou acreditacións correspondentes ás situacións baremables.
A adxudicación das prazas realizarase conforme ás bases da convocatoria: Adxudicación directa: cando o número de solicitudes non supere o das prazas ofertadas ou baremo: se as solicitudes exceden o número de prazas, aplicaranse criterios económicos —priorizando ás familias con ingresos non superiores a 6,5 veces o IPREM— e os criterios de valoración establecidos (situación laboral, monoparentalidade, número de menores solicitantes, familia numerosa, discapacidade, renda familiar, vítimas de violencia de xénero, entre outros). En caso de empate, recorrerase a un sorteo público.
A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase no taboleiro de anuncios do Concello e en www.vive.aspontes.org. As familias disporán de 3 días hábiles para presentar reclamacións. Posteriormente publicarase a listaxe definitiva e, se procede, a lista de agarda.
A cota de inscrición establécese en 40 € por menor, segundo a Ordenanza nº 11. O pagamento deberá realizarse no Servizo de Recadación municipal ou mediante ingreso bancario, achegando posteriormente o xustificante ao CIM de maneira presencial ou por correo electrónico (cim@aspontes.org).
O Concello lembra que as baixas non ofrecerán devolución da cota e que se producirán nos casos recollidos nas bases: solicitude propia, falsidade documental, incompatibilidade con outras actividades, falta de asistencia e incumprimento reiterado das normas. As prazas vacantes cubriranse coa lista de agarda.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.