A proba, referente do automobilismo galego, celebrarase no circuíto urbano de San Valentín. O Concello de Fene destaca o impacto deportivo e social dun evento que cada ano atrae a máis público e pilotos.
O Concello de Fene acolleu a presentación da 21ª edición do Slalom Scratch, unha das citas máis destacadas do calendario galego do automobilismo, que este ano fará historia ao reunir 94 equipos participantes, a cifra máis alta rexistrada nunca no Campionato Galego de Slalom. A proba celebrarase este sábado 22, no circuíto urbano de San Valentín, nunha xornada que promete emoción, velocidade grande ambiente.
No acto de presentación participaron Édgar Vigo, director de carreira; a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; a concelleira de deportes, Alba García; a directora territorial da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deporte, Mar Ferreiro; ademais de diversas pilotas da Escudería Scratch Fene (Eva Caride, Iván Penabad e Adrián Insua) que participarán na carreira.
As actividades comezarán ás 8.00 horas coas verificacións técnicas dos vehículos, mentres que as probas darán inicio ás 10.15 horas, desenvolvéndose de maneira continuada até a entrega de premios. O Slalom Scratch, xa consolidado como un dos eventos máis esperados do ano, pecha ademais a tempada do Campionato Galego, o que contribúe a atraer equipos de toda Galiza.
A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que esta nova edición “sitúa unha vez máis a Fene no mapa deportivo galego, demostrando a capacidade do noso concello para acoller eventos de primeiro nivel”. Engadiu que “o récord de participación confirma que o Slalom Scratch é unha proba moi querida e respectada, e tamén un punto de encontro que dinamiza San Valentín e o conxunto do termo municipal”.
Pola súa banda, a concelleira de deportes, Alba García, subliñou que “o Slalom é unha das citas deportivas máis importantes do ano en Fene, non só polo espectáculo que ofrece, senón tamén polo impacto económico e social que xera”. García animou á veciñanza e ás persoas afeccionadas ao motor “a desfrutar dun evento único e seguir apoiando este tipo de iniciativas deportivas que tanto achegan ao municipio”.
Co récord histórico de equipos inscritos e un circuíto urbano xa preparado para a ocasión, Fene afronta unha fin de semana de alta intensidade deportiva que consolidará, unha vez máis, o Slalom Scratch como un dos grandes símbolos competitivos no calendario deportivo local.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
