
O Concello de Neda convida aos veciños e veciñas a sumarse o próximo martes, 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, a unha na nova edición da “Marcha polo bo trato”. Trátase dunha andaina reivindicativa, que encabezarán estudantes locais, en repulsa pola violencia de xénero nas súas distintas formas (psicolóxica, física, sexual, dixital…), e en defensa da igualdade real entre homes e mulleres.
Como en anos anteriores, a marcha partirá ás 10.30 horas da contorna do albergue de peregrinos, dende onde alumnado dos centros educativos públicos da localidade tomarán o camiño cara á Casa Consistorial. Ao chegar ao Concello gardarase un minuto de silencio polas mulleres que perderon a vida ao longo deste ano como consecuencia da violencia machista e pendurarase na fachada a pancarta portada polos estudantes. Despois, a rapazada dirixirase á Casa da Cultura para poñer en común as súas reflexións sobre a necesidade de seguir loitando contra esta violencia, que busca impor unha situación de dominio do home sobre a muller.
O Concello aposta, unha vez máis, por un percorrido de dificultade baixa, dunha duración estimada de media hora, co ánimo de facilitar a asistencia de todo o mundo que queira participar na iniciativa. A proposta forma parte da programación especial deseñada pola administración local con motivo do 25 N, que conta co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.