O Concello de Neda organiza este mércores 19 pola tarde na Casa das palmeiras unha reunión informativa, destinada a explicar as diferentes liñas de axuda para asociacións, pemes e autónomos, que vén de convocar a Deputación da Coruña. O obxectivo, tentar que o máximo número posibles de entidades e empresas da localidade se beneficie das subvencións.
Na cita, que terá lugar a partir das 19:00 horas, persoal técnico do organismo provincial, explicará polo miúdo as convocatorias abertas para entidades sen ánimo de lucro do ámbito social, cultural, veciñal, deportivo, educativo… ademais das distintas modalidades do Plan de Emprego Local (PEL Pemes, PEL Emprende e Pel Autónomos).
Dende o Concello convídase a participar a asociacións e profesionais interesados en optar a estas axudas, cuxo prazo de solicitude finaliza o vindeiro 16 de decembro. Na sesión explicaranse novidades e resolveranse dúbidas sobre os programas, que haberá que tramitar a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
