O acto central celebrarase o 25N cunha concentración cidadá ás portas da consistorial e a proxección da cinta documental “Prefiro condenarme”.
Baixo o lema “Somos e contamos”, o Concello de Valdoviño volverá conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun programa deseñado polas concellerías de Servizos Sociais e Cultura con propostas de concienciación e sensibilización pensadas para persoas de todas as idades. O acto central celebrarase o mesmo 25 de novembro, cunha concentración cidadá convocada para as 12 horas fronte á casa consistorial. Alí, ás súas portas, darase lectura á declaración institucional aprobada pola corporación municipal por unanimidade, e gardarase un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista e en sinal de rexeitamento social contra todo tipo de violencia exercida contra as mulleres.
Nesa mesma xornada, ás 20 horas, proxectarase no auditorio da casa da cultura a cinta documental “Prefiro condenarme”, da directora Margarita Ledo. Unha cinta incluída no ciclo Mestre Mateo que rescata a historia de Sagrario, mariscadora da ría de Ferrol. Atoparémonos cunha madre díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adulterio aos 33 anos, en 1972, a causa da filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Sagrario sitúase fóra da regla, e coa súa desobediencia reclama a lei aínda non escrita á par que o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.
A programación continuará o domingo 30 en Meirás. O local social acollerá pola mañá o espectáculo “Os Bolechas. A muller orquestra”. A partir das 12:30 horas, a familia galega animada máis famosa da pantalla achégase a Valdoviño para ofrecer un espectáculo centrado na igualdade e a corresponsabilidade. A actividade conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua a través do programa Falaredes. E xa ás 17:00 horas, no mesmo espazo pero dirixido a un público adulto, a actriz Atenea García compartirá a súa narración oral “Vicio houbo sempre”. Neste caso, co apoio da Área de Igualdade da Deputación da Coruña. Trátase dunha divertida proposta onde se recollen historias de vida de mulleres que xa cumpriron os 80.
Así mesmo, o programa completarase coa exposición “Anhelos: deconstrución da masculinidade tradicional”, que grazas a unha nova colaboración co Concello de Sober, pode visitarse xa na casa da cultura (de luns a venres de 10 a 13 h e de 17 a 19 h).
E, finalmente, o Concello fará entrega aos establecementos de Valdoviño dunha copia da Guía de actuación ante situacións de violencia machista, e á poboación en xeral, de material de sensibilización elaborado polo departamento de Servizos Sociais, e tamén, da Campaña de Fronte da Deputación da Coruña á que o Concello de Valdoviño está adherido. A programación contará, de novo, con financiamento do Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
