O acordo permite a cesión definitiva dos terreos do antigo colexio Pardo Bazán e impulsa a construción da primeira CAM da Coruña, baseada nun modelo residencial pequeno, innovador e aberto á comunidade.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, asinaron o convenio definitivo para a cesión dos terreos sobre os que se construirá a Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM) das Pontes, o primeiro centro do novo modelo residencial que a institución provincial prevé implantar tamén en Rianxo e Ordes. A sinatura marca un paso decisivo para facer realidade un proxecto pioneiro en Galicia, concibido para ofrecer unha atención máis humana, próxima, comunitaria e centrada na persoa.
Durante o acto, Valentín González Formoso destacou que “grazas á colaboración entre administracións, por fin se fai realidade un proxecto socialmente moi demandado. A Casa de Acompañamento permitirá que as persoas maiores permanezan no seu entorno habitual, evitando situacións de desarraigo e illamento, e será a primeira pedra dun novo modelo de atención que queremos estender pola provincia”. O presidente subliñou ademais o impacto económico e social da iniciativa, que suporá a creación directa de 70 empregos e unha inversión da Deputación da Coruña superior aos 30 millóns de euros durante os próximos 30 anos.

Cesión dos terreos e investimento de 6 millóns na obra.
O convenio establece a cesión por parte do Concello das Pontes dos terreos do antigo colexio Pardo Bazán, así como o financiamento municipal do derribo do inmoble existente. A Deputación, pola súa banda, asumirá a construción completa da nova residencia cun investimento de 6 millóns de euros, co obxectivo de iniciar as obras no ano 2026.
Un modelo residencial innovador inspirado en experiencias europeas.
A CAM das Pontes será a primeira das tres previstas no novo modelo público de acompañamento aos maiores. Trátase dun proxecto baseado no chamado modelo de quinta xeración, inspirado en experiencias avanzadas do norte de Europa e concibido como alternativa ao sistema tradicional marcado pola masificación, a despersonalización e os custes elevados para as familias. As CAM apostan por centros públicos, pequenos, integrados no territorio, con forte presenza comunitaria e organizados en unidades convivenciais que reproducen un fogar. Cada unidade pon o foco na autonomía, nos vínculos sociais e afectivos, no respecto ás rutinas persoais e na calidade de vida das persoas residentes.
Un fogar, non unha institución.
Con 59 prazas distribuídas en catro unidades de convivencia, a futura residencia das Pontes contará con habitacións amplas, salóns luminosos, cociñas propias, espazos abertos, acceso directo ao exterior e incluso decoración personalizada. Incorporará ademais xardíns terapéuticos, zonas de encontro familiar e a posibilidade de convivir con mascotas. O obxectivo é crear un ambiente doméstico, máis próximo ao fogar que a un centro asistencial tradicional, con espazos pensados para favorecer a autonomía e o benestar emocional das persoas maiores.
Tecnoloxía de vangarda e integración comunitaria.
A nova CAM integrará tecnoloxía asistencial avanzada, como sensores de presenza e confort ambiental, sistemas de prevención de caídas, dispositivos de localización intelixente, monitores biométricos ou servizos de telemedicina. Ademais, o modelo aposta por centros abertos á comunidade, nos que se fomenten actividades interxeracionais e se integren servizos e espazos compartidos co entorno, reforzando así a vida social e a participación veciñal.
A sinatura do convenio consolida a folla de ruta da Deputación da Coruña para transformar o modelo residencial e avanzar cara a uns servizos sociais máis humanos, próximos e centrados na persoa. A CAM das Pontes será a primeira en entrar en funcionamento, seguida polos futuros centros de Ordes e Rianxo, completando unha rede provincial totalmente innovadora e pioneira en Galicia.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
