PSOE Ferrol alerta que a execución orzamentaria do 3º trimestre confirma a parálise total do goberno local

O PSOE alerta que a execución orzamentaria do 3º trimestre confirma a parálise total do goberno local “Os datos son demoledores: Ferrol ten cartos e orzamento, pero non ten xestión”, afirma o concelleiro Rafael Fernández.

O Grupo Municipal Socialista denuncia que a execución orzamentaria do terceiro trimestre de 2025 confirma a paralización absoluta da cidade baixo o goberno de José Manuel Rey Varela. Os informes municipais revelan que o Concello só executou o 35,66 % do orzamento total e un 10,71 % das inversións reais, de case 70 millóns de euros no capítulo de investimentos.

O concelleiro socialista Rafael Fernández Beceiro cualifica estes datos de “demoledores” e lembra que a caída na capacidade de xestión é continuada desde a chegada do PP ao goberno. En 2023 a execución global acadou o 66,63 %. En 2024, xa con todo o poder e con 11 asesores, o goberno local afundiuse ata o 55,26 %, o peor dato en anos.

Agora, en 2025, ao peche do terceiro trimestre, a execución nin sequera chega ao 36 %, e o investimento real queda reducido a un testemuñal 10 %. “O PP non só non mellora: empeora ano tras ano. É unha deriva constante”, afirma.

Fernández destaca ademais que esta incapacidade resulta especialmente grave porque o PP presume de aprobar orzamentos pero logo non é capaz de executalos. “Teñen maioría absoluta, teñen 11 asesores, teñen o orzamento aprobado desde comezos de ano e teñen máis ingresos ca nunca. E, con todo, non executan. Aproban orzamentos para facer titulares, non para gobernar”, denuncia o concelleiro.

O socialista engade que a situación se ve agravada pola ausencia continuada do alcalde, máis pendente dos seus compromisos no Senado que das necesidades da cidade. “Ferrol ten un alcalde a tempo parcial, e cando o alcalde non está, a cidade queda á deriva.”, critica.

O PSOE lembra que o PP subiu o IBI, a auga e os comedores escolares, pero esa maior recadación non se traduce en melloras visibles. “Os veciños pagan máis e reciben menos. Hai máis ingresos, pero menos obras, menos investimentos e menos servizos. A realidade é moi clara: o PP ten cartos, ten orzamento e ten poder, pero non ten xestión”, subliña Fernández.

O socialista critica tamén que o goberno trate de ocultar esta situación anunciando licitacións que despois non se materializan. “Licitación non é execución. Sacar pregos é fácil; o difícil é converter o orzamento en obras, en melloras e en servizos. E o PP non o fai. Cun 10 % de execución en investimentos a estas alturas do ano, a propaganda queda completamente en evidencia” engade.

Esta falta de xestión tradúcese nunha cidade que non avanza: barrios sen melloras, proxectos que non arrancan, equipamentos sen renovar e servizos públicos estancados. Fernández considera especialmente grave que, contando con maioría absoluta, 11 asesores e todos os medios ao seu alcance, Ferrol teña hoxe peores resultados que en exercicios anteriores sen tanta estabilidade nin tantos recursos.

Rafael Fernández conclúe instando ao goberno municipal a rectificar. “Ferrol non necesita máis anuncios, necesita xestión real. Hai orzamento, hai recursos e hai oportunidades, pero o goberno non está á altura. A cidade merece un executivo presente, serio e comprometido, non un goberno instalado no piloto automático. Ferrol merece máis.”

Lea también

El BNG y asociaciones de Ferrol vuelven a solicitar la declaración de zona ZER para la casa de Carvalho Calero

El derrumbe interior producido hace unas semanas en la casa de Carvalho Calero será llevado …