Inaugurada en Ferrol a exposición ‘Nada é fraxil…’ dedicada ao pintor Ricardo Segura Torrella

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela e a  deputada provincial Rosa Ana García inauguraron na tarde deste venres no centro cultural Torrente Ballester a exposición “Nada é fráxil…”, unha ampla retrospectiva dedicada ao pintor Ricardo Segura Torrella, un dos artistas contemporáneos máis destacados de Galicia.

Entre os asistentes atopábanse a filla de Segura, Elena; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; o edil de cultura José A. Ponte Far; o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea; e outros membros da corporación municipal, ademais do fillo político de Segura e as dúas netas.

A mostra, comisariada polo tamén artista e antigo alumno de Segura Torrella, Suso Basterrechea, reúne unha selección representativa da súa obra e serve como peche ao ano conmemorativo do 25 aniversario do seu falecemento, no que Ferrol rendeu homenaxe a un creador de fonda sensibilidade e de enorme influencia na pintura
galega contemporánea.

Unha fonda pegada

Durante o acto de inauguración, José Manuel Rey Varela enxalzou a figura do artista, que deixou unha fonda pegada no ámbito cultural ferrolán, galego e nacional “que vai moito máis aló do lenzo, como así o corrobora esta mostra-homenaxe cando se cumpren 25  anos do seu falecemento”.

“Cada obra exposta aquí é unha oportunidade para que as xeracións actuais descubran a forza expresiva dun creado que fixo da arte unha linguaxe universal”, concluíu, desexando que ferroláns e visitantes se acheguen a coñecer a mostra.

Ferrol unha referencia cultural

Pola súa parte Rosa Ana García destacou que “é unha honra participar, en nome da Deputación da Coruña, nesta homenaxe a un artista ferrolán admirado e recoñecido, cunha obra marcada pola luz, a cor e a capacidade de transmitir emocións profundas”. Subliñou tamén que “esta exposición é un diálogo entre a memoria e a modernidade, entre a cidade que o viu nacer e o artista que a levou na alma”.

A representante provincial salientou  o vínculo histórico entre a Deputación e o artista, lembrando que “en 2009, baixo a presidencia de Salvador Fernández Moreda, a institución dedicoulle un dos volumes da colección Grandes Pintores Galegos, escrito por Ramón Codina e ilustrado pola súa filla, Elena Segura, que fotografou con agarimo e precisión todas as súas obras”.

A deputada felicitou ao Concello de Ferrol, ao comisario Suso Basterrechea e a todas as persoas implicadas na organización da mostra, e agradeceu “o esforzo por manter viva a chama dunha tradición artística que fai de Ferrol unha referencia cultural en Galicia e en España”.

A exposición

A exposición “Nada é fráxil…” poderá visitarse nas salas do Centro Torrente Ballester durante as próximas semanas e incluirá visitas didácticas e actividades paralelas para achegar ao público o legado artístico e humano de Ricardo Segura Torrella, un dos grandes nomes da plástica galega do século XX.

Lea también

El teatro Jofre en Ferrol acoge la actuación de Patáx

Patáx, que actúa en el teatro Jofre, Ferrol este sábado, es a día de hoy …