A Área Sanitaria de Ferrol-ASF activaba este pasado mércores o seu programa de voluntariado ASF Acompaña. Tres voluntarias, Cristina, Amalia e Tatiana acudían ó terceiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. No pasado mes de xullo, esta Área sumábase ó programa de Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde, impulsado polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Sanidade da Xunta de Galicia, e hoxe materialízase.
Este é un “proxecto de humanización para acompañamento, apoio e información, con persoas voluntarias, ás persoas usuarias que reciben asistencia sanitaria”, explicaban dende a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía. Na actualidade, o número de voluntarios xa medrou ata os 21, e son persoas de diversos ámbitos e perfís profesionais, e tanto da Área como totalmente alleos ó ámbito sanitario. A supervisora de Atención ó Paciente e Humanización, Laura Almeida López, acompañaba ás voluntarias nesta primeira xornada, “comezamos polo terceiro andar do Hospital Naval porque sabemos que hai persoas maiores, soas, moitas sen familia, ou procedentes de centros sociosanitarios. Todas elas son as que máis precisan a compaña, elas ou as súas familias”, explica, que é a clave do proxecto.
A dinámica desta primeira xornada define este voluntariado, as persoas chegan e contactan cos profesionais sanitarios do andar correspondente, que son quen lles indican que pacientes poden ou é aconsellable que reciban a ese voluntario, por cuestións clínicas. O seguinte paso é pedir permiso a esas persoas e preguntarlles se queren ese compaña. Así o fixeron Cristina, Amalia e Tatiana onte, que estiveron a acompañar a dúas mulleres deste andar, só acompañando nun dos casos, e permitindo que a familia acompañante descansara un anaco, no outro dos casos. Empézase por este andar, pero seguirán valorándose as distintas posibilidades, segundo as necesidades que vaian xurdindo.
Clave, acompañar e escoitar
O obxectivo concreto de ASF Acompaña é ofrecer compañía, escoita activa e apoio emocional a persoas hospitalizadas ou que acoden soas a consultas, contribuíndo á humanización da atención sanitaria. Pode ser en diversas modalidades e a necesidade pode xurdir do paciente, as familias ou do propio profesional. Inclúense neste acompañamento persoas que acoden soas aos centros de saúde para probas ou consultas; persoas maiores ou con mobilidade reducida sen rede de apoio; pacientes hospitalizados de longa estancia; ou persoas en proceso de final de vida que non reciben visitas”, subliña novamente a Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á cidadanía, que activa esta iniciativa na Área ferrolá.
ASF Acompaña regula tamén as modalidades de acompañamento como conversas, lectura, compañía en paseos polos corredores; actividades lúdicas lixeiras como pintura, música suave, ou xogos de memoria, por exemplo; apoio durante o almorzo ou a merenda, sen intervención sanitaria; recepción e orientación a pacientes vulnerables; acompañamento en esperas prolongadas ou ante ansiedade previa a probas; ou identificación de persoas en situación de risco emocional que precisan apoio na acollida. Nunca estas actividades substitúen ás do persoal sanitario, e calquera cuestión ou dúbida consultarase cos profesionais correspondentes.
Formación e requisitos
Lembrar que estas persoas voluntarias recibían formación específica básica para coñecer a Área Sanitaria e a súa organización, e para familiarizarse co ámbito no que ían desenvolver estas funcións de voluntariado. Valoraron as funcións e límites que ten o voluntariado; e abordaron habilidades de comunicación e escoita activa. Os aspectos éticos e legais tamén foron protagonistas, xunto co autocoidado do propio voluntariado, e os protocolos e normas do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Este programa continúa aberto, e aínda calquera persoa pode ser voluntaria. Os requisitos para formar parte de ASF Acompaña son ser maior de 18 anos, adquirir un compromiso mínimo de 3 meses; asinar o compromiso ético e de confidencialidade; e non realizar tarefas sanitarias nin administrativas relacionadas co paciente. As xornadas e horarios serán flexibles e como mínimo de dúas horas. A Área Sanitaria de Ferrol realizará un rexistro das actividades realizadas polos voluntarios; e analizará a traxectoria do programa con enquisas de satisfacción a pacientes, profesionais e voluntarios, e cunha revisión semestral do impacto.
Aquelas persoas interesadas en formar parte do programa de voluntariado ASF Acompaña poden ver todo o relacionado co mesmo na páxina web da Área ferrolá ferrol.sergas.gal, onde contan coa información ó respecto, e poderán igualmente acceder ó formulario de inscrición no mesmo.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

