A edición 2025 do concurso de tapas, Saborea As Pontes, organizado polo Concello coa colaboración de Cohempo, rematou cun gran éxito de participación e resultados, consolidándose como unha das citas gastronómicas máis destacadas da comarca.

Segundo os datos facilitados polos trece establecementos participantes, nesta edición servíronse un total de 18.178 tapas, que, a un prezo de 2,50 euros, xeraron 45.445 euros. A esta cifra engádese unha estimación de 36.356 euros en consumicións asociadas, o que supón un movemento económico global de 81.801 euros, superando os 81.085,50 euros rexistrados na edición de 2024.
A concelleira de Promoción Económica, Elena López, destacou o papel fundamental que xogan os establecementos hostaleiros na dinamización da economía local, “especialmente en eventos como este, que non só fomentan o consumo e a creación de actividade, senón que tamén fortalecen a imaxe gastronómica das Pontes e atraen visitantes de toda a comarca”. López engadiu que “a evolución de Saborea As Pontes é un reflexo do talento, da creatividade e do compromiso da nosa hostalaría, que ano tras ano, ofrece propostas de gran calidade e innovación”.
Nesta edición, o establecemento Trastoy 3 foi o gran vencedor ao acadar o primeiro posto nas tres categorías principais do certame. En Mellor Tapa Pontesa 2025, Trastoy 3 obtivo 22,75 puntos, seguido de DelaPiccola, tamén con 22,75 puntos, e A Taberna de Pancho, con 17,5 puntos. Tamén foi o gañador da Tapa máis valorada polo público 2025, con 394 votos das 1.372 papeletas recontadas, mentres que DelaPiccola obtivo 294 e A Taberna de Pancho 157. Ademais, impúxose no Premio APP, con 1.514 votos, seguido de DelaPiccola con 1.371 e A Taberna de Pancho con 1.324.
Por outra banda, o premio principal do concurso, dotado con 600 euros, recaeu en Tamara Paz Sanmartín, mentres que os premios de 200 euros se repartiron entre Luis E. Betancourt, Raquel Pena Couceiro, David Fernández Penabad, Hilda Barro Seco, Inés Pérez Díaz e Margarita Moledo Castro. Estes galardóns foron concedidos entre as persoas que completaron e entregaron as tarxetas de participación do concurso, como recoñecemento á súa implicación e apoio a esta iniciativa gastronómica.
A concelleira Elena López agradeceu o esforzo e a implicación de todos os establecementos participantes, así como a colaboración do público, e subliñou que “Saborea As Pontes é un exemplo claro de como a cooperación entre administración e sector privado pode xerar resultados positivos para toda a comunidade, impulsando a economía local e ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia gastronómica de calidade”.
O Concello das Pontes amosou a súa satisfacción pola excelente acollida desta edición e reafirmou o seu compromiso en continuar apoiando iniciativas que impulsen a promoción económica, o turismo e a hostalaría local.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.