Belém Tajes resultou gañadora, con 4.000 euros de premio, nunha gala final que tivo lugar este domingo noite no Salón Teatro de Santiago. A votación do xurado puxo en segundo lugar a Marián e en terceiro a Vimbio.

Belém Tajes é a gañadora do XVII Concurso Fran Pérez «Narf» para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña. O dictame do xurado, que valorou o risco á hora de facer ponte entre a música galega e latinoamericana, ademais dos arranxos, encumbrou ao grupo Belém Tajes nunha gala final na que Marián rematou segunda e Vimbio terceira. Alén das actuacións a concurso tamén participou como banda convidada o dúo Caamaño&Ameixeiras nun acto que estivo conducido polo xornalista Luís Pardo e no que tamén participou o artista visual Iván Torres.
Belém Tajes é unha cantante e compositora coruñesa, e foi parte de bandas como Vudú, Aliboria ou Luar na Lubre. En novembro de 2024 publicou o seu primeiro álbum de longa duración, Amar o mar, un traballo que mestura música tradicional galega e latinoamericana con toques de pop e electrónica. O xurado salientou dela “as letras moi coidadas e unha aposta singular e con personalidade na instrumentación”.
A gala acolleu as actuacións de 15 minutos das tres bandas finalistas e o xurado (formado por Daniel Salgado, Ugia Pedreira, Alberto Busto, Noa Díaz e Tomi Legido) decidiu o gañador, que leva 4.000 euros, alén de varias actuacións en festivais galegos; o segundo clasificado 2.000 e o terceiro 1.500. Durante a súa deliberación, os asistentes puideron disfrutar da actuación de Caamaño & Ameixeiras.

O xurado elixiu os finalistas entre a trintena de propostas recibidas. Forma parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; o xornalista e músico Daniel Salgado, a músico Ugia Pedreira, o músico e divulgador Alberto Busto, a produtora Noa Díaz e o programador Tomi Legido. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte.
O Concurso Fran Pérez “Narf» de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf». Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.
Sobre as outras gañadoras

MARIÁN: Cantante e compositora da Serra de Outes, aínda que residente en Compostela, que está a piques de publicar o seu álbum debut, no que conta coa colaboración de Guadi Galego. Seleccionada na última edición da da aceleradora #SonEmerxente promovida por AGADIC, o xurado destacou dela “a súa calidade vocal, así como os arranxos e a produción”.

VIMBIO: Liderados por Álex Arnoso (antes SonDaRúa), esta nova banda de Ponteareas xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e dos 2000. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Deles o xurado destacou “o envoltorio de épocas diferentes de poética galega nunha banda de guitarras, máis contundente”.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.