Ferrol en Común a través dun comunicado afirma o seguinte «a Residencia de maiores pasa a mans da Xunta de Galicia, quen , de confirmarse os peores augurios que determinaban a súa xestión privada, sairá a licitación para que previsiblemente unha macroempresa que anteporá os seus beneficios privados ao benestar dos nosos maiores».
«Vemos repetidamente como os convenios laborais que se aplican no ámbito das residencias de maiores son abusivos, como denuncian todas as organizacións sindicais, que os cadros de persoal son escasos para atender ás persoas usuarias dos servizos e que o nivel de estrés ao que se lle somete aos traballadores e traballadoras implica maiores baixas laborais e peor servizo».
«Un sistema público, gratuíto e universal garante que un servizo sociosanitario indispensable estea centrado na autonomía e na dignidade das persoas, cun control e fiscalización directos por parte da administración pública, cunha relación de postos de traballo suficiente e de carácter funcionarial, e un sistema de acceso transparente e obxectivo».
«Ao mesmo tempo estas 120 prazas son a todas luces necesarias pero insuficientes, polo que instamos a que entre Xunta, Concello e UDC, poidan asinar un convenio que remodele o edificio de Serantes, recentemente subastado e sen poxas, para un modelo de cohousing, onde as persoas maiores poidan manter a súa independencia pero ao mesmo tempo compartir espazos comúns».
«Consideramos que os maiores precisan dunha mellor atención, sendo Ferrol unha das cidades máis envellecidas do Estado, e que é máis que unha obriga unha débeda, sendo a única fórmula viable para evitar a degradación do servizo a xestión pública».
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
