As Pontes celebra MOVA o mercado de oportunidades que enche de vida e comercio as rúas da vila

As Pontes acolle esta fin de semana, os días 1 e 2 de novembro, unha nova edición de MOVA 2025, o tradicional mercado de oportunidades no que os establecementos locais sacan os seus produtos á rúa para ofrecer descontos, promocións e liquidacións especiais.

A iniciativa, organizada polo Concello de As Pontes de García Rodríguez en colaboración coa Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (COHEMPO), busca dinamizar o comercio de proximidade e animar á veciñanza a facer as súas compras no municipio.

Nesta edición participarán 12 comercios locais, que instalarán os seus postos na Avenida da Coruña, converténdoo nun gran espazo comercial ao aire libre. O evento desenvolverase o sábado, de 10:00 a 15:00 e de 16:30 a 20:30 horas, e o domingo, de 10:00 a 19:00 horas.

Ademais, entre as persoas que realicen compras nos establecementos participantes sortearanse 600 euros en premios, que se repartirán mediante tarxetas rasca. Os premios consistirán en vales de compra para gastar durante o fin de semana nos comercios que forman parte do MOVA, incentivando así o consumo inmediato e o apoio directo ao comercio local.

A concelleira de Promoción Económica, Elena Lopez, destaca que MOVA “é unha oportunidade para que os negocios locais dean saída aos seus produtos e, ao mesmo tempo, para que a veciñanza poida aproveitar prezos moi vantaxosos sen saír das Pontes”. Engadiu que “con este tipo de iniciativas apoiamos o comercio de proximidade, fomentamos o consumo responsable e contribuímos a que as rúas da vila se enchan de vida, actividade e ambiente”.

Asi mesmo, Elena López, agradece a implicación, o esforzo e o compromiso, unha vez máis, dos establecementos comerciais das Pontes, que participan nesta iniciativa e o seu respaldo a esta proposta municipal coa que se mostra a importancia do sector na economía local.

Con MOVA 2025, o Concello de As Pontes reafirma o seu compromiso coa promoción do comercio local e coa dinamización económica da vila, impulsando propostas que fortalecen o tecido empresarial e favorecen a relación directa entre comerciantes e clientela.

Lea también

La obra ‘As Mouras’ en Fene, del pontés Wedo Goás, elegida mejor mural del mundo 2025

 El mural «As Mouras», obra del artista nacido en As Pontes Edgar Goás Blanco (Wedo …