O BNG denuncia que a Xunta é un goberno autómata sen solucións para os grandes problemas sociais

O BNG presentou este xoves aos medios a súa valoración dos orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro ano 2026. Uns orzamentos que aumentan menos que a inflación, polo que en termos reais significan menos diñeiro para os servizos públicos ou para investimentos.

A responsábel comarcal, Pilar Lozano, compareceu xunto cos deputados no Parlamento Galego Mon Fernández e Xosé Manuel Golpe para debullar os orzamentos e constatar que os grandes problemas da nosa sociedade fican á marxe da axenda de prioridades do Partido Popular: sanidade, ensino, dependencia, transición enerxética ou tecnolóxica, vivenda e transporte, manteñen no mellor dos casos o nivel de investimentos nun orzamento totalmente continuísta que afondará nos déficits acumulados durante estes 16 anos de goberno do PP.

Os portavoces nacionalistas puxeron como exemplo do abandono da Xunta a crecente conflitividade social en ámbitos como o ensino, con 3 xornadas de folga no inicio do curso escolar, as folgas do persoal do SAF e da Residencias privadas de maiores, ou o anuncio dunha folga por parte do persoal que traballa nos sectores de escolas infantís, menores e discapacidade. Conflitos que teñen un denominador común, máis aló das lexítimas reivindicacións salariais, nas demandas de melloras na prestación do servizo.

Unha atención primaria que colapsou nos meses de verán, demoras insoportábeis na dependencia, falta de prazas e prezos inasumíbeis nas residencias, atención á discapacidade en mans de entidades privadas sen capacidade de manobrar, transporte desbordado, alumnado con necesidades especiais desatendido… en definitiva, uns servizos públicos en franco retroceso.

O deputado Mon Fernández chamou a atención tamén sobre a falta de impulso industrial da Xunta de Galiza, e puxo como exemplo a negativa á constituír en Ferrol un centro tecnolóxico da construción naval e das tecnoloxías marítimas, un centro de referencia para todo o sector naval galego.

Mais se hai un exemplo hoxe na Galiza do abandono industrial por parte da Xunta ese é o Concello das Pontes. O deputado X. M. Golpe denunciou a negativa do Partido Popular a promover un plan para a reindustrialización do Concello semellante ao que funcionara durante o peche da mina. Na actualidade, o peche da central térmica e máis de EINSA, outra empresa senlleira do Concello, raƟfican que sempre que o Partido Popular xestiona unha crise remata transformándose nunha auténtica catástrofe.

A responsábel comarcal adiantou a presentación de emendas por parte do BNG a estes orzamentos da Xunta que nacen sen ambición e sen futuro, “nós queremos un goberno galego implicado cos servizos públicos, co impulso industrial, co transporte e coas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e vamos traballar para iso”, rematou.

Lea también

La Xunta activa para este jueves la alerta naranja por temporal costero en todo el litoral

Viveiro (Lugo) registra vientos superiores a los 140 km/h en una jornada con alerta naranja …