Álvaro Lamas leva a San Sadurniño a súa colección de paisaxes «Capturando a natureza»

A galería do primeiro andar da Casa do Concello de San Sadurniño prepárase para acoller unha nova proposta artística da man do fotógrafo mugardés Álvaro Lamas, quen presentará o día 7 de novembro a mostra de imaxes “Capturando a Natureza”. A exposición recolle instantáneas de grande poder visual captadas en distintos lugares do norte peninsular, entre eles San Sadurniño. Poderá visitarse entre o 3 e o 28 de novembro, tomando o relevo das “Primixenias” de Luisa da Silva e Carme Romero.

Fervenza de riolimpo – en Naraío – Álvaro Lamas

“Capturando a Natureza” ofrece un percorrido visual polas paisaxes máis fermosas de Galicia e do norte da Península, un proxecto que reflicte a profunda conexión do autor coa natureza. Lamas, coñecido polo seu traballo en Lost in Woodlands Photography, captura a beleza e o esplendor de fervenzas, fragas e cantís, meténdonos de cheo na atmosfera máxica que lle imprime a todas as súas imaxes.

O estilo de Álvaro Lamas destaca pola viveza das cores e polas súas meditadas composicións -moitas delas captadas con lentes de un ángulo de visión moi amplo-, nas que sempre busca un elemento próximo que actúe como motivo principal do encadre. Esa maneira de construír a imaxe crea unha sensación de inmersión que convida a quen observa a entrar na escena. Ademais, o autor mostra unha querencia especial pola auga, que adoita transformarse nunha sutil gasa de seda mediante a técnica da longa exposición coñecida, precisamente, como “sedificación”.

Na exposición poderá verse unha ampla selección de imaxes tomadas en distintos puntos de Ferrolterra, o Ortegal, a Mariña Lucense, Asturias, Cantabria e Navarra, conformando un itinerario visual pola natureza máis salvaxe do noroeste peninsular. Cada fotografía é, en palabras do autor, “un intento de atopar emocións e momentos que van máis alá do rexistro fotográfico”.

A inauguración terá lugar na Galería do Concello o venres 7 de novembro ás 19:00 horas, cun faladoiro seguido dunha visita guiada polo propio fotógrafo, quen compartirá anécdotas e técnicas empregadas nas súas creacións. Una obra que, como podemos ver na súa web, non se limita unicamente ás paisaxes máxicas con grande profundidade de campo, senón que tamén abrangue o mundo da macrofotografía de fungos e cogumelos ou espectaculares tomas do firmamento. “Capturando a Natureza pode parecer un título xenérico —explica Lamas—, pero representa a esencia do meu proxecto: capturar aqueles lugares que me sorprenden pola súa beleza, maxia ou encanto”.

A mostra poderá visitarse de luns a venres en horario de apertura do Concello, ata o 28 de novembro. Para quen queira coñecer máis sobre o traballo de Álvaro Lamas, pódese seguir o seu proxecto en www.lostinwoodlands.com, onde tamén hai a posibilidade de mercar en liña copias impresas en distintos soportes e tamaños, ademais de anotarse nos obradoiros que organiza cada certo tempo. Lamas tamén ten presenza nas redes sociais como @lostinwoodlands (Instagram) e Lost in Woodlands Photography (Facebook).

Lea también

Fangoria, Bombai y Yoly Saa abrirán las fiestas de verano de Ferrol con un gran concierto en la Praza de Armas

Las fiestas de verano de Ferrol 2026 arrancarán el próximo 21 de agosto con un …