Hotel Os Cantís é o gañador en Cedeira da sexta edición do certame “Tapas de Outono”

O establecemento, que abriu no verán de 2024 e que participaba por primeira vez no certame, convenceu cunha carrilleira de xabaril con puré de castaña. O Hotel Os Cantís é o gañador da sexta edición do certame “Tapas de Outono” coa súa receita de “Carrilleira de xabaril con puré de castaña”.

Os establecementos Finca A Nogueira e O Mesón quedaron en segundo e terceiro lugar. Desde o goberno municipal destacan a alta participación do público que de venres a domingo percorreu os establecementos participantes para degustar as súas propostas.  Subliñaron, tamén, o esmero da hostalería local, que ofreceu tapas excelentes con produtos de gran calidade.

A tapa de Finca A Nogueira foi outra carrilleira, no seu caso de tenreira en salsa de castaña, con parmentier de grelos, crocante de cabaza, puré de batata e pan de broa, mentres que O Mesón optou por un petisco de polbo, lacón e puré de pimentón con carne de naviza. Os establecementos despacharon máis de 400 e algúns máis de 700 tapas entre a noite do venres, o mediodía e a noite do sábado e o mediodía do domingo, ao prezo de 3€, e recolleron as votacións do público.

Os premiados foron os que maiores puntuacións reuniron entre as persoas que emitiron o seu voto, para o que era preciso degustar cando menos cinco tapas. Xunto cos gañadores desta edición, participaron tamén no certame aTaberna Praza do Peixe, o Gastrobar O Amanexo, A Tenda do Jojó, Bon Pé Taberna, Cervexería Caña Aquí e o Restaurante Brisa. A todos agradecen desde o goberno local a súa participación e bon facer neste concurso, que procura dinamizar o sector e potenciar o atractivo gastronómico de Cedeira.

Entre as persoas que emitiron o seu voto sorteouse unha cea para dúas persoas no establecemento gañador. O Hotel Os Cantís é un pequeño establecemento hoteleiro, con moito encanto, que abriu as súas portas no verán de 2024 nun antigo inmoble rehabilitado no mesmo Paseo da Mariña. Conta con cafetería e restaurante, e esta é a primeira vez que participa no certame “Tapas de Outono”.

Lea también

Endesa inicia el desmantelamiento del Parque de Carbones de As Pontes, icono de la industria gallega

La Plataforma en Defensa del Patrimonio Industrial reclama la suspensión cautelar de las obras y …