O PSDEG reclamará no Parlamento Galego un instituto para Valdoviño

O alcalde socialista Alberto González lamenta que «Valdoviño leva toda a vida tendo que trasladar aos seus estudantes a outras localidades«, a pesar do aumento da súa poboación.

IES Punta Candieira-Cedeira

O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento de Galicia que Valdoviño conte cun instituto, para o que presentarán unha
emenda aos orzamentos da Xunta para 2026 e unha batería de iniciativas coa que pretenden que o Partido Popular se posicione ante esta cuestión. O alcalde socialista de Valdoviño, Alberto González, explica que a poboación do municipio está medrando «e iso estase notando non só na poboación, senón no crecemento do número de nenos e nenas que están a acudir aos seus centros educativos».

«Valdoviño leva toda a vida tendo que trasladar aos seus estudantes a outras localidades, como Ferrol, Narón ou Cedeira para que poidan cumprir o bacharelato ou a FP, co que implica desde o punto de vista do esforzo, desde o punto de vista de movementos a través dos autobuses», lamenta. «Poderiamos dispoñer dun instituto que facilitase non só o achegamento de todos os veciños e veciñas de Valdoviño, senón que axude tamén a unha maior socialización, que se perde, en parte, ao ter que que moverse a outros concellos», engade González.

«Creo que é totalmente necesario que Valdoviño teña un instituto, e que nese instituto tamén se poida contemplar unha pequena liña de FP básica que axudase a completar o potencial educativo do noso concello«, conclúe o
rexedor socialista.

O parlamentario socialista Aitor Bouza reclamará en consecuencia que se incorpore aos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2026 unha partida para a creación do instituto, indicando que dende o PSdeG xa o levan reivindicando durante anos. «Xa foi incorporado como emenda o ano pasado, o Partido Popular votou en contra», critica.

Por outra banda, a batería de iniciativas busca «que se teña que posicionar o Partido Popular respecto a esta cuestión que nos parece de vital importancia». O instituto é, para o socialista, unha infraestrutura «que se reclama por parte da comunidade educativa, que se reclama polas familias de Valdoviño, e polo propio alcalde, que fai de voz de todos e todas elas». «Nós levaremos esa voz, como non pode ser doutro xeito, ó Parlamento de Galicia, e esixiremos ao goberno de Rueda que se comprometa con Valdoviño«, remata o deputado no Parlamento galego.

Lea también

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira convoca el concurso de diseño del cartel de 2026

El Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anuncia la apertura del concurso de carteles …