As Pontes, Cedeira, Fene e Ortigueira lideran as vendas de MercaNaVila na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Os catro concellos concentran máis do 13% do total das vendas de MercaNaVila na provincia O programa da Deputación da Coruña supera os 2,7 millóns de euros en vendas e suma xa preto de 1.000 establecementos adheridos nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

As comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal están a destacar pola súa elevada participación e volume de vendas no programa MercaNaVila, a iniciativa da Deputación da Coruña que impulsa o comercio local nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Segundo os datos de vendas do programa, os concellos de As Pontes de García Rodríguez, Cedeira, Fene e Ortigueira lideran o impacto do programa na zona, cun volume conxunto de máis de 358.000 euros en vendas, o que representa máis do 13 % do total provincial, que ascende a 2.723.068,35 euros.

O concello das Pontes sitúase á cabeza da comarca, con 166.546,06 euros en vendas, o 6,12 % do total provincial, e 44 establecementos adheridos no municipio. Ségueno Cedeira, con 79.834,77 euros e 23 comercios participantes; Fene, con 63.049,27 euros e 28 comercios, e Ortigueira, con 48.564,99 euros e 14 tendas.

Outros concellos como Mugardos, Pontedeume, Cariño, Ares, Valdoviño, San Sadurniño, Neda, Moeche ou Cabanas tamén participan activamente, contribuíndo a reforzar a economía local e o consumo de proximidade en toda a área de Ferrol.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que “o programa MercaNaVila está a demostrar a forza do pequeno comercio como motor de desenvolvemento económico e social nos nosos concellos, xerando actividade, emprego e cohesión territorial. As cifras estannos mostrando que cada vez son máis os comercios que se suman á campaña e os consumidores que usan os descontos de MercaNavila para realizar as súas compras”.

Apoio ao comercio e á economía local

O programa MercaNaVila conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, destinados a fomentar as vendas nos pequenos establecementos e incentivar o consumo nos núcleos rurais e urbanos de menor tamaño, contribuíndo así a fixar poboación e emprego.

A campaña permite que calquera persoa poida descargar os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non é preciso vivir nun concello pequeno: os bonos poden descargarse tamén dende as cidades, pero as compras deben realizarse sempre nas case 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.

MercaNaVila, descontos de 100 € para dinamizar o comercio local

Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes.

A través da plataforma web oficial (https://mercanavila.gal/), as persoas usuarias poden descargar gratuitamente os seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.

Unha iniciativa con impacto real

A Deputación e a Federación Galega de Comercio coinciden en sinalar que o éxito da campaña “é un reflexo da confianza cidadá neste modelo de apoio directo ao comercio local”. O programa tamén está a recibir unha valoración moi positiva por parte das asociacións de comerciantes, que destacan o incremento de visitas e vendas nos primeiros días de campaña, que se estende ata o 20 de novembro.

Lea también

La Xunta apoya con más de 220.000 euros a Ferrol y As Pontes en la contratación de mujeres víctimas de violencia de género

En el caso de Ferrol, la ayuda autonómica ascendió la 177.649 euros el que permitió …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *