Olaia Ledo anuncia que non será cabeza de lista en Narón nas vindeiras municipais

A actual portavoz municipal do BNG de Narón, Olaia Ledo, anuncia en rolda de prensa de que non continuará como cabeza de cartel nas municipais de 2027. A decisión “moi reflexionada” e posta en coñecemento en asemblea abre un proceso de escolla de candidato/a. Olaia Ledo, ademais de ser portavoz municipal é membro da Executiva Nacional do BNG onde é a coordinadora de Ecoloxismo.

“Sempre dixen que calquera persoa da nosa candidatura podería estar no meu lugar e sigo pensando o mesmo. O proxecto continúa, e seguiremos a traballar para gañar xa que somos moi conscientes que somos a única alternativa de goberno cun proxecto claro que defendemos para a maioría de Narón. Ademais, o BNG en Narón pasa polo seu mellor momento da historia: tanto en número de militancia como en número de votos e porcentaxe de apoio e isto é unha fortaleza para dotarnos de toda a enerxía co proceso que vén por diante. Nós non vimos vivir da política se non a transformar a realidade e comprométome a loitar polo mellor Narón co mesmo esforzo e ilusión só que a partir de 2027 desde outro lugar” declarou Olaia Ledo nunha rolda de prensa nunha mesa na que tamén estaban a responsábel comarcal, Pilar Lozano e a responsábel local, Marta Grandal.

A actual voceira municipal indica que a decisión é “unicamente persoal pero reflexionada desde hai moito tempo e posta en coñecemento da organización para seguir a traballar por un proxecto ilusionante en Narón e no país”.

Antes de anuncialo publicamente, o BNG de Narón realizou unha asemblea local o xoves 23 ás 20 horas para informar á militancia e decidir os pasos a seguir. Desde o BNG de Narón só teñen palabras de agradecemento para Olaia “sabemos que vai seguir traballando con toda a forza pola nosa localidade e polo país. Olaia non só é necesaria se non das imprescindíbeis e só podemos agradecer todo o esforzo, traballo e ilusión que nos fixo ter ás que camiñamos canda ela”. Declara Marta grandal, responsábel local.

Desde o BNG naronés anuncian que abren agora un proceso asemblear e democrático para escoller a vindeira persoa candidata e “continuar a medrar na nosa localidade en equipo, como sempre fixemos e faremos até ter a alcaldía” declara Grandal.

“Ábalannos os números pero queremos máis: queremos ser a maioría que transforme Narón e iso, témos moi claro que non acontece con titulares rápidos se non con moito traballo desde a rúa e as institucións. Desde agora abrimos unha nova etapa para o proxecto que defendemos para a nosa cidade” declarou Ledo nunha rolda de prensa que estivo acompañada polo actual grupo municipal, militancia da localidade e diferentes cargos comarcais como a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy; a deputada provincial, Cristina García; o deputado parlamentar, Xosé ManuelmGolpe ou Mercedes Tobío da área nacional de organización.

O PERFIL DE OLAIA LEDO

Ledo, autónoma do sector audiovisual e da comunicación presentouse como cabeza de cartel en Narón nas municipais de 2019 e 2023 e é membro da Executiva Nacional do bloque desde que Ana Pontón asumiu a portavocía nacional onde foi coordinadora de comunicación e hoxe asume a responsabilidade do grupo de traballo de ecoloxismo a nivel nacional.

A nivel político, é militante do nacionalismo desde os 17 anos onde asumiu diferentes traballos ademais dos asumidos no BNG: responsábel de Universidades de Galiza Nova; responsábel nacional de muller nos CAF; membro electo do consello reitor da UVigo e, ademais da Executiva, no Consello Local do BNG.

Lea también

“As nosas tradicións” volve ás escolas infantís de Narón co outono como primeira parada

A iniciativa da concellaría de Política Lingüística achega a unhas cen familias información, curiosidades e …