O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón impulsa unha nova actividade de dinamización lingüística para estas festas: un obradoiro de cantos de Nadal impartido por Semente de Trasancos, pensado para recuperar a tradición galega do canto comunitario e, ao mesmo tempo, reforzar a presenza do idioma propio no comercio local.
A proposta inclúe unha sesión de aprendizaxe de pezas tradicionais propias destas datas, que posteriormente se interpretarán nun percorrido polos comercios da Gándara, acompañado do grupo Semente de Trasancos. Os nenos participantes recibirán un aguinaldo nos establecementos colaboradores.
A veciñanza está convidada a sumarse a esta celebración festiva e participativa, para a que se anima a traer instrumentos tradicionais (pandeiretas, tambores, castañolas…) e vestir roupa tradicional galega, co fin de contribuír á ambientación da xornada.
O obradoiro terá lugar o venres 2 de xaneiro de 2025, ás 18:00 horas, na Casa da Mocidade, que servirá tanto de punto de encontro como de espazo de ensaio previo ao percorrido polos comercios da contorna da Gándara. A actividade é de balde e está aberta a todas as idades, aínda que os menores deberán acudir acompañados, cando menos, dunha persoa adulta.
Para participar é obrigatorio inscribirse previamente enviando un correo a a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e apelidos da persoa participante (no caso de menores, incluír tamén o nome da persoa acompañante e idade do/a menor), un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas asignaranse por estrita orde de inscrición.
A actividade está organizada polo Servizo de Normalización Lingüística – Concellaría de Política Lingüística do Concello de Narón e conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
