Papá Noel sobre dúas rodas: os Fojeteiros celebran en Narón a XV Xornada Moteira Solidaria

Narón prepararase para vivir un ano máis o espírito do Nadal máis solidario coa XV Xornada Moteira Solidaria, organizada polo Moto Club Fojeteiros en colaboración co Concello de Narón. Será o vindeiro 20 de decembro na Praza da Igualdade, na Gándara, que se converterá no punto de encontro desta cita.

A presentación do evento contou coa participación da concelleira de Festas, Mar Gómez, acompañada por Luis Bouza, Luis Leira e Pakito Galaso, membros do MotoClub Fojeteiros. Durante o acto, convidaron a toda a cidadanía a sumarse a unha iniciativa xa consolidada no calendario local.

A programación da xornada inclúe a tradicional ruta moteira, que partirá da praza ás 16:30 horas para percorrer diversas rúas do municipio, percorrendo tamén as zonas rurais. O regreso está previsto ás 17:15 horas, momento no que as motos chegarán de volta á Praza da Igualdade para compartir coa veciñanza un ambiente festivo e propio destas datas.

O obxectivo central desta xornada continúa fiel ao seu espírito solidario: recolleita de roupa, xoguetes e alimentos non perecedeiros que se destinarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. As doazóns poderán entregarse ao longo da tarde na propia praza, así como nos establecementos colaboradores identificados como “Punto de recollida”.

A organización anima a contribuír para que ningunha familia de Narón quede atrás este Nadal. Cada doazón, por pequena que sexa, pode marcar a diferenza nunha celebración na que a solidariedade volve ser o motor máis poderoso.

Lea también

Narón pecha o ano formativo con novas acreditacións en áreas clave da industria e do comercio

O Concello de Narón celebrou no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, a …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *