O Concello de Narón informa da activación dun novo Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, financiado pola Xunta de Galicia e o Servicio Público de Empleo Estatal cun investimento de 220.000 euros. A iniciativa diríxese a mulleres desempregadas residentes en Narón ou noutros concellos da Mancomunidade (Ares, Cedeira, Cabanas, Fene, Mugardos, Neda e Valdoviño) e inscritas na correspondente Oficina de Emprego.
O programa 2025-2026, cun ano completo de duración, ten por obxectivo ofrecer itinerarios personalizados, orientación laboral e formación gratuíta para impulsar a empregabilidade das participantes. A previsión mínima de inserción laboral sitúase no 35% das usuarias ao remate do proceso.
Ao longo deste período, as participantes terán acceso a máis de 540 horas de formación transversal, que inclúen alfabetización dixital, técnicas de busca de emprego, habilidades sociais, conversa en inglés, fomento do emprendemento, coaching, intelixencia emocional e motivación laboral. A oferta complétase con seis itinerarios específicos —NTICS, construción naval, limpeza industrial, cociña, comercio e loxística e agricultura ecolóxica— que superan as 720 horas en aula e que inclúen prácticas profesionais en empresas da contorna.
Desde Narón destácase a relevancia destes itinerarios pola súa conexión directa con sectores estratéxicos do municipio, como o naval, o tecnolóxico ou o loxístico, que presentan unha alta demanda de persoal cualificado e boas perspectivas de inserción laboral para as participantes.
O programa incorpora tamén medidas de apoio á conciliación familiar, persoal e laboral, co fin de facilitar a asistencia das mulleres con persoas ao seu cargo. Ademais, todas as usuarias recibirán unha bolsa económica de 10 euros por cada día de asistencia ás actividades formativas ou de orientación.
As mulleres interesadas poden ampliar información na web da Mancomunidade e contactar co equipo técnico a través dos teléfonos 613 10 85 30 e 613 10 85 35 ou do correo piemancomunidade@ferrol.es.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
