Faiados os premios do Concurso Fotográfico “As Pontes, Terra de Cogomelos”

O Concello das Pontes vén de facer público o fallo do xurado da primeira edición do Concurso Fotográfico “As Pontes, Terra de Cogomelos”, unha das principais novidades das V Xornadas micolóxicas municipais, que se están a desenvolver ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro.

O certame contou cunha ampla participación de 50 persoas afeccionadas á fotografía de natureza, que presentaron preto de 200 imaxes de fungos e cogomelos tomadas en diferentes emprazamentos de toda Galicia, o que indica a enorme riqueza micolóxica e paisaxística do territorio galego.

O xurado considerou que as imaxes amosan unha extraordinaria variedade de especies, entre elas algunhas das máis recoñecibles e outras moito menos comúns, como Amanita muscaria, Boletus edulis, Mycena seynii, Russula caerulea, Laccaria pumila, Phallus impudicus, Leratiomyces ceres, Trametes versicolor, Clathrus archeri, Sparassis crispa, Auricularia auricula-judae ou Xylaria hypoxylon. Unha diversidade que reflicte tanto o interese científico como o artístico das persoas participantes, que captaron as cores,texturas e formas dos cogomelos galegos en todo o seu esplendor.

O xurado, composto polo divulgador micolóxico Luis Cuba e os fotógrafos Raimundo Carballo e Daniel Puente, reuniuse o venres 17 de outubro para avaliar as obras presentadas e seleccionar as gañadoras desta primeira edición.

O primeiro premio recaeu en Ángel Montes, cunha fotografía dunha Mycena tomada en San Cibrán, no municipio de Catoira. O segundo premio foi para Carlos Briones, pola súa imaxe dunha Amanita rubescens captada en Gabenlle, no concello da Laracha, e o terceiro premio correspondeu a Tomás Rodríguez, autor dunha fotografía dunha Corticata realizada en Vilagarcía de Arousa.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Elena López, destacou a calidade e a creatividade das obras presentadas: “A fotografía de natureza é unha ferramenta extraordinaria para divulgar o noso patrimonio natural e poñer en valor a micoloxía. Este concurso naceu con vontade de continuidade, e o éxito desta primeira edición anímanos a seguir medrando o vindeiro ano”.

As fotografías premiadas, xunto cunha selección das mellores imaxes recibidas, formarán parte dunha exposición durante a celebración da XXXV Feira de Fungos e Cogomelos. Os premios aos tres gañadores serán entregados o domingo 2 de novembro, no marco da Feira, durante o acto central da xornada.

Lea también

Interesante conferencia sobre «la historia del órgano en la concatedral de San Julián», en Ferrol

Un buen grupo de ferrolanos pudieron disfrutar en el centro cultural «Torrente Ballester» de la …