As Pontes cede terreos á Deputación da Coruña para construír a primeira CAM da provincia

O pleno do Concello das Pontes aprobou por unanimidade o convenio para a cesión dos terreos do antigo colexio Pardo Bazán á Deputación da Coruña, “un paso definitivo para a posta en marcha da que será a primeira Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores CAM da Deputación na provincia”, segundo explicou o presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso.

Foto arquivo Visita de Valentín González Formoso, con técnicos da Deputación e do Concello das Pontes, á parcela na que se levantará a nova CAM das Pontes

Formoso explicou que o Concello, ademáis da adquisición dos terreos, aos que destinou 315.000 euros, sufragará tamén derribo do inmoble existente, mentres que a Deputación financiará con 6 millóns de euros a construción da nova residencia, cuxas obras están previstas para iniciarse no ano 2026.

Formoso, destacou o respaldo unánime da corporación local como unha clara mostra de compromiso institucional. “Este proxecto responde a unha demanda histórica das Pontes e da comarca do Eume que, grazas á colaboración entre administracións, por fin se fai realidade. A Casa de Acompañamento non só permitirá que as persoas maiores permanezan no seu entorno habitual, evitando situacións de desarraigo e illamento, senón que tamén será un motor de revitalización para o barrio de Pardo Bazán. As melloras urbanísticas previstas, especialmente nas rúas Calderón de la Barca e Lope de Vega, devolverán vida, dinamismo e seguridade á zona, beneficiando tanto ás persoas usuarias do centro como ao conxunto da veciñanza.”

Valentín González Formoso salientou tamén o impacto económico e social do proxecto: “Falamos da creación directa de 70 empregos e dunha inversión por parte da Deputación da Coruña superior aos 30 millóns de euros durante os próximos 30 anos. Esta aposta é un claro exemplo de cooperación entre Concello, Deputación e Xunta de Galicia, e representa un compromiso firme coa calidade de vida das persoas maiores, un dos colectivos máis vulnerables da nosa sociedade.”

Pleno convenio Diputación

A CAM pontesa será a primeira das tres que prevé pór en marcha a Deputación, xunto cos futuros centros de Ordes e Rianxo. As CAM están baseadas nun novo modelo residencial que aposta por unha atención máis próxima e máis aberta á comunidade, unha alternativa ao sistema actual, marcado moitas veces pola masificación, a despersonalización e por custes demasiado elevados para as familias.

Neste sentido, o proxecto das CAM basearase no chamado modelo de quinta xeración, inspirado en experiencias avanzadas de países do norte de Europa. Trátase de centros pequenos e humanizados, organizados en unidades convivenciais que reproducen un fogar, abertos á comunidade, integrados no territorio e centrados na persoa. Cada unidade busca respectar a autonomía, os vínculos sociais e afectivos e a calidade de vida das persoas maiores.

As CAM da Deputación da Coruña pretenden dar resposta a esta realidade cun enfoque moderno e humanizado, que aposta pola atención centrada na persoa, a autonomía, a calidade de vida e a proximidade. “Non serán só residencias, senón centros integrais de acompañamento baseados nun modelo innovador, máis sensible e máis cercano. Un modelo que complementa ao existente e que pretende integrar á sociedade do entorno. Que non sexan espazos pechados, senón abertos á comunidade e onde poda haber convivencia entre xeracións, máis parececidos a un fogar”, explicou Formoso.

59 prazas divididas en catro unidades convivenciais

En canto a datos concretos, a residencia de As Pontes contará con 59 prazas organizadas en catro unidades de convivencia, concebidas como pequenos fogares, con habitacións amplas e espazos abertos, cociña, salón, baño propio, acceso ao exterior e incluso decoración personalizada. Contará ademais con xardíns terapéuticos, espazos de reunión familiar e a posibilidade de convivir con mascotas, buscando un modelo máis próximo ao fogar que á institución tradicional.

A cesión do antigo colexio Pardo Bazán representa un paso decisivo para a Deputación na implantación deste modelo pioneiro en Galicia, que tamén incorporará tecnoloxía asistencial de vangarda, como sensores de presenza e confort ambiental (luz, ruído, temperatura), sistemas de prevención de caídas, localización intelixente, monitores biométricos ou telemedicina e favorecerá a creación de emprego local.

Lea también

El temporal deja en Galicia más de 200 incidencias durante este miércoles

El temporal ha provocado durante toda la jornada pasada más de 200 incidencias en Galicia, …