Valdoviño conmemora o Día das Bibliotecas con presentación literaria e teatro infantil

A escritora local Medos Romero inaugura a programación coa presentación da súa última obra “As flores do baleiro” este venres ás 19:30 horas.

O Concello de Valdoviño celebra esta semana o Día das Bibliotecas con presentación literaria e teatro infantil. A primeira actividade terá lugar este venres 24 de outubro na Biblioteca. A partir das 19:30 horas, a autora local Medos Romero presenta a súa obra «As flores do baleiro».

No acto, estará acompañada da tamén escritora Ana Varela, coa que conversará sobre o seu último título, un pranto contido diante dunha inmensa traxedia humana, un testemuño poético e persoal dende o ventre da pandemia, a dor en extrema soidade. Unha obra que tamén fala da fraxilidade do ser humano, de egoísmo e necidade, e da barbarie na súa dimensión máis salvaxe.

Así mesmo, o domingo 26, o Concello de Valdoviño convida a toda a familia á representación teatral de «Castelao» de Culturactiva Producións. O espectáculo dará comezo ás 18:00 horas, con entrada de balde, e libre ata completar aforo. Trátase dunha das primeiras propostas escénicas para a infancia centrada na figura de Castelao.

Con texto de Paula Carballeira, dirección de Fina Calleja, e Mónica Camaño e Cris Collazo sobre o escenario, a obra presenta a un Castelao divertido e aventureiro, un pirata con arriscadas aventuras no peirao de Rianxo que resolve os problemas que se lle presentan grazas ás súas múltiples capacidades.

Lea también

Neda impulsa un taller de alimentación saludable junto a la Escuela Gallega de Salud para ciudadanos

Abierto el plazo para inscribirse en esta iniciativa gratuita, prevista para 2 de febrero. El …