Concello de Ares e Hércules de Ediciones presentan a IV edición do Premio de Novela Curta Alén

As bases do concurso xa están dispoñibles para todo aquel interesado en participar neste certame centrado na temática da migración, que deberá estar presente nos manuscritos presentados, aínda que non é preciso que sexa o tema central da novela. O gañador/a recibirá un galardón por valor de 2.000 euros e a publicación da obra dentro do catálogo da editorial coruñesa.

O Premio Alén de Novela Curta regresa un ano máis para abordar dende a narración literaria a complexidade do fenómeno migratorio. Así o debullaron este lunes as dúas entidades involucradas na súa materialización: a concellaría de Cultura de Ares e a editorial Hércules de Ediciones, que volven sumar esforzos para materializar a cuarta edición do certame.

Manterase neste IV Alén o seu espíritu e obxectivos iniciais: fomentar a creación literaria e celebrar a riqueza cultural da emigración e da literatura de Galicia, promovendo un espazo de recoñecemento das obras escritas en lingua galega.

Dende o Concello, a edil de Cultura Alma Barrón define o premio coma unha contribución á “conservación e entendemento da memoria da migración”, ao construír da man de Hércules de Ediciones un “catálogo de historias baseado nesa liña de traballo tan relevante para Galicia e para Ares”.

E no que atinxe á editorial coruñesa, a súa directora Laura Rodríguez salientou a importancia do Alén como “unha oportunidade para achegar aos lectores historias sobre a nosa emigración, ao mesmo tempo que descubrimos novos talentos na literatura en lingua galega”.

Como galardón, o Alén contempla unha dotación económica que ascende a 2.000 euros, amais da publicación da novela gañadora no catálogo de Hércules de Ediciones, deseñando así unha colección narrativa que olla a migración con profundidade, divulgando o seu compoñente máis emocional e social: como se sinte alguén que migra, que deixa ao seu redor ou atrás, a que se debe afrontar e como se transforma ao longo do tempo.

BASES XA DISPOÑIBLES NA WEB INSTITUCIONAL

Xunto co anuncio da nova convocatoria, tamén se fixeron públicas as bases que rexen a cuarta edición do Alén en www.concellodeares.gal, previa publicación no BOP do 2 de outubro de 2025.

Cada participante deberá presentar unha única obra en lingua galega, orixinal e inédita, que preferentemente aborde a temática da emigración galega alén do mar, aínda que poida debullar calquera outro lugar do mundo. De feito, non é necesario que a emigración sexa a temática central da novela, mais si que debe formar parte da trama ou da vida dalgunha das personaxes.

No tocante ao formato das obras, estas deben ter unha extensión que oscile entre 80.000 e 140.000 caracteres con espazos. Deben presentarse tres copias impresas, mecanografadas a unha soa cara e con letra Times New Roman, tamaño 12, sen firma nin elementos identificativos, incluíndo o título e o pseudónimo do autor/a para garantir o anonimato. Ademais das copias físicas, débese enviar un CD ou pendrive co arquivo dixital en formato OpenOffice, Word ou outro similar.

Xunto co manuscrito, os interesados teñen que enviar un sobre aparte co título e o pseudónimo no exterior, incluíndo no seu interior os datos do autor/a, unha fotocopia do documento de identificación (DNI ou pasaporte), teléfono, correo electrónico e unha declaración xurada de aceptación das bases do concurso e de que a obra presentada é orixinal do autor/a e de carácter inédito.

O prazo de admisión das obras estará aberto ata o 9 de maio de 2026 (inclusive), e os traballos deben enviarse á seguinte dirección, indicando nos exterior dos sobres o asunto «IV Premio Novela Curta Alén Concello de Ares»: Rexistro Xeral, Concello de Ares, Á/a Área de Cultura. Avenida Saavedra Meneses, 12. CP: 15624 (Ares, A Coruña)

O fallo do xurado, composto por persoas de recoñecido prestixio cultural, darase a coñecer durante o mes de xuño de 2026. Os principais criterios de valoración serán a calidade da escritura, a técnica literaria empregada e a orixinalidade da obra.

A entrega do premio e a presentación do libro levaranse a cabo na segunda quincena de agosto de 2026, no marco da festividade do Ares Indiano, fortalecendo a conexión existente entre o concurso e a celebración dun evento que conmemora a memoria da migración local.

Lea también

La Biblioteca Naval de Ferrol celebra una jornada de puertas abiertas y una exposición de su fondo antiguo de libros

Con motivo de la celebración del Día Internacional de las Bibliotecas, el próximo viernes 24 …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *