Medicina preventiva do CHUF actualiza coa ASF todo o relacionado co calendario vacinal

O facultativo do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Iván García Fraile, actualizaba estes días cos profesionais sanitarios da Área Sanitaria de Ferrol todo o relacionado coa vacinación. Facíao en dúas sesións tanto para persoal do Complexo, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide a semana pasada; como, por iniciativa da Dirección de Atención Primaria, para todo o persoal sanitario dos centros de saúde, onte, a través de videoconferencia.

Segundo el mesmo indica, “a idea da charla é comprometer de forma multidisciplinar a todos os profesionais da saúde do paciente na necesidade de vacinación, especialmente aqueles con inmunosupresión ou outros factores de risco que poden ter predisposición a enfermidades inmunoprevenibles”. 

Nesta liña, este profesional solicitaba a colaboración e o traballo conxunto para “favorecer a vacinación de pacientes que poida que nunca fosen vacinados e daqueles que inician unha enfermidade e débeselles valorar o momento óptimo para a vacinación”; en definitiva, para “aumentar a adherencia”.

Este profesional foi pormenorizando as vacinas nos grupos de risco, no adulto en xeral e lembrou cuestións básicas da campaña de vacinación de gripe e Covid en marcha. Tamén respondeu ás cuestións máis habituais sobre tempos de vacinación e combinación das mesmas, poñéndose á disposición dos e das profesionais para calquera cuestión máis específica.

Afondar nas vacinas para protexer a cada colectivo 

Nestas sesións, este profesional foi detallando as necesidades de vacinación en pacientes con tratamento inmunosupresor, ós que aconsella programar con antelación, por exemplo; transplantados, infección por VIH, enfermidade renal crónica, ou cancro entre outros. Neste caso, facilitoulles un cadro de vacinas segundo o perfil do paciente e a modalidade de inmunodepresor, e indicoulles como e cando pór cada unha delas. Tamén mencionou nas súas intervencións a vacinación da Meninxite B, que ofrece protección cruzada fronte o gonococo, unha das Infeccións de Transmisión Sexual que máis ten medrado nos últimos anos. 

Iván García fixo tamén un breve repaso do calendario de inmunización, centrándose na idade adulta, “posto que a poboación pediátrica ten unhas coberturas excelentes en Galicia”, subliñaba. Fixo fincapé nalgunhas especialmente nas dos adultos máis novos, o Virus do Papiloma Humano, recordando ques e vacina ós homes nacidos dende o 2004, e ás mulleres nacidas dende o 1994, e a do meningococo, da que se benefician os nacidos dende 2001. 

Xunto con isto, este profesional remarcou “a protección da poboación na idade máis adulta”, a partir dos 65 anos. Invitou ós profesionais sanitarios, “xa que tedes o contacto máis directo coa poboación, a recordar a vacinación sistemática fronte a pneumococo, unha dose ós 65 anos, e a herpes zóster, ademais do recordo do tétanos, se é necesario”. No caso do Herpes Zóster, son dúas doses separadas dous meses, ó cumprir os 65 anos, a partir dos nacidos en 1958; e ó cumprir os 80 anos, a partir dos nacidos en 1943.

Por último, comentou tamén as principais novidades da campaña de vacinación gripe e Covid deste ano, “nun momento de intensidade media, e tras un verán tranquilo, e no que toca protexer ós máis vulnerables”. Subliñou a novidade en Galicia da vacinación antigripal de alta carga tras os bos resultados do estudo GalFlu. Este estudo reflectiu unha baixada do 31,8% das hospitalizacións nas persoas vacinadas con esa vacina. Por iso, Galicia este ano incorpóraa ás persoas de máis de 70 anos, e non só ós maiores de 80.

No referente ós máis pequenos, tamén mencionou a pilotaxe nos centros educativos para a vacinación infantil fronte á gripe, que se realizou esta semana na Área Sanitaria de Ferrol; da campaña especifica do Virus Respiratorio Sinticial (VRS); e da ampliación de 24 meses a 11 anos a idade de vacinación dos máis pequenos nos centros de saúde correspondentes.

Este profesional pediu a colaboración dos seus compañeiros e compañeiras para traballar xuntos en “captar as persoas que máis se poden beneficiar da vacinación”, da protección da súa saúde, como “incluír a vacinación no proceso asistencial de pacientes con inmunosupresión ou situacións de risco; recomendar as vacinacións sistemáticas por idades, e que conten co Servizo de Medicina Preventiva para o que consideren oportuno”. Rematou a súa intervención recordando que “as vacinas salvan vidas”.

Lea también

250 deportistas participan en Ferrol en la IX edición ciclocross Val de Esmelle

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, el presidente de la Federación Galega de Ciclismo, Juan …