A Deputación da Coruña impulsa a transformación verde do corazón de Ferrol coa remodelación da Praza de Ferrándiz

A Deputación licita a obras, con de máis de 600.000 euros de orzamento, que transformarán esta zona de Esteiro nun lugar máis sostible, accesible e pensado para o goce da cidadanía. A actuación forma parte dun investimento global dun millón de euros na cidade, financiado integramente cos fondos NextGenerationEU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. O proxecto é clave dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra”.

A Deputación da Coruña vén de sacar a licitación, por un orzamento de 605.926,76 euros, a obra de remodelación do sector norte da Praza de Ferrándiz, no barrio ferrolán de Esteiro. A actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra”, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) da Unión Europea – NextGenerationEU. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 29 de outubro de 2025 ás 23:59 horas.

Esta intervención supón un paso importante na rexeneración urbana do centro histórico de Ferrol e na recuperación do seu valioso patrimonio paisaxístico e histórico, coa creación dun espazo pensado para o lecer, o paseo e o encontro cidadán. A Praza de Ferrándiz recuperará a súa identidade histórica, respectando o trazado orixinal do Cadro de Esteiro, e converténdose nunha referencia para veciños e visitantes”, destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O proxecto aposta por unha urbanización branda, respectuosa co medio e co deseño orixinal do antigo Cadro de Esteiro, trazado no século XVIII baixo criterios xeométricos cartesianos.

O obxectivo é recuperar o carácter unitario deste ámbito, dividido hoxe pola avenida de Mac Mahón, e crear un espazo público de calidade, pensado para o paseo, o descanso e o encontro cidadán. O deseño potencia o eixo norte-sur con novos percorridos peonís, integra zonas axardinadas con céspede e terrizo compactado, e incorpora áreas de xogo infantil, equipamento biosaudable e mobiliario urbano accesible. Ademais, prevese a instalación de novas fontes, alumeado eficiente e un sistema de rego automatizado para mellorar o mantemento e o uso responsable da auga.

As actuacións inclúen tamén a reposición das beirarrúas perimetrais, a creación de novas prazas de aparcamento reguladas e a recuperación da aliñación histórica de álamos negros que delimitaban o antigo Cadro de Esteiro, co fin de reforzar a súa identidade paisaxística e histórica.

Un plan integral para a Costa Ártabra de 3 millóns de euros

A remodelación da Praza de Ferrándiz é unha das cinco actuacións contempladas no PSTD “Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra”, que supón un investimento total de 993.612,40 euros na cidade, financiados integramente pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. Xunto a esta intervención, o plan inclúe a recuperación do Baluarte de San Xoán, a creación de ferramentas dixitais e mapas virtuais para divulgar o patrimonio militar e histórico, e o desenvolvemento dunha plataforma web de promoción turística do destino Ferrolterra.

Con este proxecto, a Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol avanzan conxuntamente na posta en valor do patrimonio histórico e na transformación sostible do espazo urbano, contribuíndo á mellora da calidade de vida cidadá e á promoción dun modelo de turismo respectuoso, innovador e de calidade.

Fuente Diputacion

Esta actuación reforza ademais o compromiso da Deputación coa recuperación do patrimonio militar e cultural da Costa Ártabra, que suma xa máis de tres millóns de euros investidos entre o PSTD de Ferrol e o Plan de Recuperación das Baterías Militares da Costa de Ferrolterra, impulsado tamén pola institución provincial.

A remodelación da Praza de Ferrándiz converterá un dos lugares máis emblemáticos de Esteiro nun espazo de referencia para a veciñanza e visitantes, unindo historia, natureza e modernidade ao servizo dunha cidade máis verde, máis accesible e máis viva.

Lea también

Francisco Barea traslada el apoyo de la APFSC al Foro del Ferrocarril en la demanda de un tren digno para Ferrolterra

El presidente del organismo portuario se reúne con representantes de la asociación para explicarles los …