Este xoves 16 abre a inscrición no itinerario do samaín, con prioridade para a veciñanza da vila. O Concello celebrará en paralelo o seu típico magosto.
Neda prepárase para vivir ao grande a celebración do Samaín e tamén o seu tradicional magosto. O núcleo urbano centralizará o sábado 25 de outubro a programación festiva, na que a terrorífica “Senda das ánimas”, chea de sustos, será a aposta central da xornada. En caso de chuvia, este singular percorrido guiado trasladarase aos distintos andares da Casa da Cultura.
Ao redor das 19.15 horas está previsto que os primeiros grupos de nenos e mozos inicien a súa aventura pola “Senda das ánimas”, un itinerario teatralizado que, se o tempo acompaña, discorrerá pola histórica rúa Real.
Na proposta, pensada fundamentalmente para o público infantil e xuvenil (menores de idade), non faltarán nin a narración de historias terroríficas nin, por suposto, as terroríficas recreacións sorpresa.
A iniciativa requirirá anotarse previamente, pois contará con prazas limitadas (250 prazas), repartidas en cinco quendas para facilitar que a rapazada participante poida observar e desfrutar de canto vaia xurdindo no percorrido. Haberá a maiores un percorrido extra para o público adulto (outras 50 prazas), a partir das 21:45 horas.
Dende este 16 de outubro, e ata o xoves 23, estarán abertas as inscricións na biblioteca municipal, ou chamando 981390233. Terá prioridade a veciñanza de Neda, e os menores de 12 anos terán que facer o itinerario acompañados por un adulto responsable (só un por familia). En caso de chuvia, toda a montaxe trasladarase á Casa da Cultura, cunha visita guiada do máis especial polos espazos repartidos nos tres andares deste edificio.
En paralelo á “Senda das ánimas”, o Concello celebrará o tradicional magosto, aberto ao conxunto da cidadanía. A cita, na que se poderán degustar as típicas castañas asadas e máis os habituais boliños preñados, desenvolverase na Casa das Palmeiras e a súa contorna. Se chove, a actividade pasará ao patio cuberto do CEIP San Isidro.