Cedeira acolle unha sesión de cociña mariñeira para impulsar o consumo de productos de proximidade

O showcooking convidará á veciñanza e á hostalaría local a descubrir novas receitas e usos de especies mariñas da zona, poñendo en valor a calidade e sostibilidade dos produtos do mar de Cedeira. A sesión estará dirixida polos chefs Diego Fernández e Jordi Fernández do restaurante Fame Kanalla.

O mércores 22 de outubro, a partir das 18:00 horas, tedes cita na Sala Áncora (Praza Roxa) cunha sesión de cociña mariñeira.

Mediante a preparación en directo de dúas orixinais receitas, empregando os produtos locais do mar combinados con outros ingredientes novidosos, preténdese achegar á hostalaría local as distintas posibilidades e aplicacións destas materias primas nos seus negocios.

A sesión estará dirixida polos chefs Diego Fernández e Jordi Fernández do restaurante Fame Kanalla, recoñecido polas súas creacións nas que se mesturan pratos tradicionais con propostas máis innovadoras.

O obxectivo da actividade é reforzar as relacións locais entre o sector do mar e a hostalaría, á hora de promover o uso de especies mariñas da zona e a súa transformación na cociña, ofertando produto KM0 á propia veciñanza e visitantes, visibilizando os produtos da lonxa e fomentando a comercialización de todo tipo de especies mariñas e subprodutos.

A actividade está dirixida ás e ós hostaleiros locais da vila, aínda que estará aberta ao público xeral que teña interese en participar. Esta actividade ten aforo limitado, polo que é necesaria a inscrición previa a través do 621 25 14 90.

«GASTROMAR Cedeira» é unha iniciativa para a revalorización do sector mariñeiro a través de actividades orientadas a diferentes públicos. Ademais destas sesións de cociña mariñeira, destacan as aulas mariñeiras para o alumnado de primaria e secundaria dos centros educativos locais; guiados de rutas para o público xeral; exposicións exteriores sobre as xentes do mar, a gastronomía, o coidado e conservación do medio ou o consumo responsable e accións de comunicación para a difusión das actividades do proxecto.

O proxecto «GASTROMAR Cedeira: promoción do consumo do produto mariñeiro local» foi impulsado polo Concello de Cedeira para financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal.

Lea también

El Centro de Interpretación de Caldoval en Mugardos empieza el año con una intensa agenda

El Museo mugardés comienza el año con actividades especiales para profundizar en la cultura y …