A Deputación da Coruña inviste en Mugardos 940.000€ en 2025 a través do Plan Único

A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, esto este pasado xoves no municipio mugardés, onde presentou os investimentos da entidade provincial para obras e servizos de Mugardos e de toda a comarca de Ferrolterra.

“O Plan Único permite que se leven a cabo obras tan importantes como esta Casa da Cultura, e é, agora mesmo, a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos”, salientou a deputada, destacando que “en total, destina 116 millóns de euros para os 93 concellos da provincia”.

Mugardos acolleu a visita da deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, que estivo acompañada do concelleiro de obras, Jorge Kuntz Peiteado, e parte da corporación municipal. A deputada presentou os investimentos da Deputación a través do Plan Único no municipio, que alcanzan os 940.126,62 €, que forman parte dos 28.130.562,87 € destinados a toda a comarca de Ferrolterra e dos 116 millóns para os 93 concellos da provincia.

A deputada tamén visitou a Casa da Cultura de Mugardos, que foi remodelada recentemente con fondos da Deputación favorecendo o seu illamento térmico e mellorando a súa eficiencia enerxética, e puxo en valor a relevancia do Plan Único para os concellos da provincia, pois “permite financiar obras tan importantes como esta, así como servizos fundamentais para a veciñanza e é, agora mesmo, a principal ferramenta de financiamento local dos nosos concellos”.

“Ante o exceso de competencias municipais que superan con moito os recursos dispoñibles e o infrafinanciamento que sofren os nosos concellos, dende a Deputación promovemos este Plan, que reparte os fondos provinciais con criterios absolutamente obxectivos, e que lles permite distribuílos con total autonomía en función das súas prioridades”, sinalou a deputada.

García Rey engadiu que “o máis importante de todo isto é que repercute moi positivamente na calidade de vida e no benestar da veciñanza. Esta mellora da Casa da Cultura que vemos hoxe, ou a do pavillón municipal, da que poden gozar todos os mugardeses é so un dos múltiples exemplos de obras cun grande impacto social, e tamén económico, pois ao fomentar a contratación de pequenas e medianas empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados tamén estamos contribuíndo ao desenvolvemento do tecido empresarial local, xerando oportunidades de emprego e impulsando a fixación de poboación”.

 

Lea también

Valdoviño volve facilitar prácticas non laborais ao alumnado do London Institute

Cinco estudantes de Programación en Linguaxes Estruturadas completarán 175 horas que lles darán acceso ao …