As Pontes conmemora o día da saúde mental

O Concello de As Pontes celebrou no salón de Plenos  do Concello, un acto institucional para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental. Esta iniciativa foi organizada pola Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal co obxectivo de visibilizar e defender a saúde mental como un dereito universal e esencial para o benestar das persoas.

A celebración forma parte dunha conmemoración internacional que ten lugar cada 10 de outubro e que este ano leva por lema “Compartimos vulnerabilidade, defendamos a nosa saúde mental”, escollido pola Confederación Saúde Mental España mediante votación popular. Este lema pon o foco na idea de que todas as persoas somos vulnerables fronte ás múltiples crises e emerxencias que atravesa o mundo, e que calquera pode ver afectada a súa saúde mental.

No acto estiveron presentes o alcalde, Valentín González Formoso, a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, o responsable do Servizo de Saúde Mental da área sanitaria de Ferrol, Alberto Durán Rivas, o presidente da Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, Félix Pena, persoas usuarias da entidade e representantes de diferentes asociacións locais.

Durante o evento, as persoas usuarias da asociación leron un manifesto no que se puxo de relevo a importancia de visibilizar e defender a saúde mental, especialmente ante os efectos psicolóxicos que xeran as emerxencias a nivel individual e colectivo. Neste sentido, fíxose fincapé en que no mundo millóns de persoas se ven afectadas cada ano por conflitos armados, desastres naturais, emerxencias sanitarias ou tecnolóxicas e contextos de crise económica, e que estas situacións non só teñen un impacto na saúde física, senón tamén no benestar emocional das persoas. Así mesmo, sinalouse que as persoas con problemas de saúde mental son especialmente vulnerables ante este tipo de emerxencias.

Fuente concello de As Pontes

Durante a súa intervención, o alcalde Valentín González Formoso agradeceu á Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal por escoller As Pontes como sede da conmemoración deste día, que cumpre 33 anos de historia co apoio da Organización Mundial da Saúde e a participación de múltiples entidades e persoas de todo o mundo.

O rexedor destacou o labor fundamental da asociación na defensa dos dereitos e na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental. Tamén puxo en valor o importante traballo levado a cabo pola entidade para facer realidade a posta en marcha dunha Unidade Residencial de Saúde Mental no municipio, que permitirá cubrir unha carencia histórica de recursos na comarca para persoas con problemas de saúde mental de longa duración.

Con motivo desta conmemoración, o Concello de As Pontes manifestou tamén o seu compromiso firme coa promoción da saúde mental e coa sensibilización social como ferramentas clave para superar o estigma que aínda hoxe persiste arredor destas cuestións.

Así mesmo, instou ao incremento dos recursos públicos destinados á saúde mental en España, á posta en marcha dunha rede psicosocial especializada en emerxencias, ao desenvolvemento de enfoques comunitarios para reducir a vulnerabilidade e á elaboración de plans de emerxencia que teñan en conta as necesidades específicas das persoas con problemas de saúde mental, incorporando a perspectiva de xénero e un enfoque multidisciplinar.

Fuente concello de As Pontes

O Concello tamén apelou á importancia de dispor de recursos e servizos de apoio emocional e acompañamento, e de promover intervencións temperás baseadas na escoita activa.

Finalmente, subliñou a necesidade de contemplar a saúde mental tras cada emerxencia, mediante a análise das necesidades, a elaboración de plans de acción e a avaliación do impacto emocional na poboación, coa finalidade de integrar a saúde mental nos plans de prevención, intervención e reconstrución fronte a calquera crise ou emerxencia.

Lea también

Neda promove un obradoiro sobre seguridade no fogar coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns

A actividade de prevención de riscos, prevista para o 10 de novembro, vén de abrir …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *